A Deputación avanza no PERTE para a dixitalización do ciclo da auga na provincia, un proxecto cun orzamento de 11 millóns de euros

As actuacións para o control e a correcta xestión no uso da auga beneficiarán aos 23 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes e desenvolveranse en catro etapas: diagnose, estudo topográfico, instalación de sensores e creación dunha plataforma dixital

24/06/2023

A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de “Dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, en todos os municipios de menos de 5.000 habitantes da provincia de Pontevedra”, que presentou este 2023 ao PERTE de dixitalización do ciclo de auga na convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico financiada con fondos europeos do Plan de Recuperación. O proxecto provincial ten un orzamento global de 10,91 millóns de euros, dos que a Deputación espera acadar unha axuda do 90%, 9,8 millóns de euros, o máximo permitido. Porén, serán 23 os municipios que se verán beneficiados (Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas e Rodeiro), concellos eminentemente rurais e coa poboación dispersa, polo que contan con redes de abastecementos e saneamento xeralmente extensas, cunha cantidade elevada de sistemas de captación, regulación, potabilización e depuración.

De maneira que se poida realizar unha xestión eficiente e sostible da auga, o proxecto xorde ante a necesidade de contar con información sobre o emprego real da auga, así como da calidade e estado dos recursos hídricos dispoñibles, dos parámetros de vertido nos procesos de depuración, das posibles perdas ou fugas que se poidan producir no sistema, etc.. Porén, os traballos dividiranse en catro etapas: diagnose das instalacións, estudo topográfico da rede existente en cada concello, instalación de sensores e posta en marcha dunha plataforma dixital nas que se recompilarán, tratarán e analizarán os datos proporcionados polos diferentes sensores, que deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 2025, mentres que a Administración provincial ofrecerá aos concellos mantemento ata setembro de 2030.

Por concellos, o orzamento é de 286.274 euros para Agolada, 393.711 € para Arbo, 666.819 € para Barro, 357.404 € para Campo Lameiro, 264.914 € para Catoira, 292.095 € para Covelo, 510.764 € para Crecente, 536.687 € para Cuntis, 362.092 € para Dozón, 468.766 € para Forcarei, 368.754 € para Fornelos de Montes, 222.822 € para A Illa de Arousa, 276.822 € para A Lama, 385.833 € para Meis, 810.025 € para Mondariz, 764.806€ para Mondariz-Balneario, 469.987 € para Moraña, 663.746 € para As Neves, 668.685 € para Oia, 425.997 € para Pazos de Borbén, 398.869 € para Pontecesures, 493.139 € para Portas e 819.522 € para Rodeiro.

O proxecto presentado pola Deputación de Pontevedra ao PERTE do ciclo da auga pretende así facilitar a xestión a todas as persoas que interveñen en dito ciclo nestes concellos e aportar luz sobre a situación actual, non só no relativo ao estado e o número de instalacións, senón a como melloralas, evitar situacións non desexadas e anticiparse a problemas futuros, derivados tanto das características das propias instalacións como polo efecto do cambio climático.

As catro etapas do proxecto de dixitalización do ciclo da auga

Máis en profundidade, en canto ás catro etapas nas que se divide o proxecto, durante a de diagnose visitaranse todas as instalacións relacionadas co ciclo da auga existentes no municipio, captacións, depósitos, tratamentos de potabilización, estacións de tratamento de augas residuais e bombeos. Realizaranse ademais todas as medicións e probas de funcionamento precisas para poder coñecer a situación de partida e determinar as características das actuacións a realizar. Na seguinte etapa realizarase o estudo topográfico de toda a rede en cada un dos concellos, tanto de abastecemento como de saneamento, incluíndo o levantado de tapas, medición de profundidades, etc.

Unha vez finalizadas as etapas previas, procederase á colocación dos sensores que permitirán coñecer o estado do ciclo da auga en todas as súas fases, como caudalímetros, sondas, sensores de calidade da auga, entre outros. Por último, dotarase ao sistema dunha plataforma dixital na que se recompilarán, tratarán e analizarán os datos proporcionados polos diferentes sensores colocados. Para iso, farase o modelo do sistema, establecéndose predicións e alertas, mediante o emprego de intelixencia artificial. A plataforma proporcionará o acceso remoto en tempo real ao estado de todo o ciclo da auga de cada concellos. Ademais, elaborarase un “Xemelgo dixital”, é dicir, un modelo virtual, de todo o sistema para cada un deles.