Luis López presenta investimentos por un millón de euros da Deputación en Caldas de Reis para este ano, nun encontro institucional co alcalde Juan Manuel Rey

O presidente provincial avanzou unha subvención de 400.000 euros para o saneamento de Soutelo ao abeiro do +Provincia, que se aprobará este venres en Xunta de Goberno

07/05/2024

Luis López e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, que os programas provinciais +Provincia e o Plan Extraordinario de infraestruturas Deportivas deixarán este ano neste Concello case un millón de euros. Nunha reunión de traballo mantida nesta mañá de martes entre ambos os dirixentes no despacho presidencial do Pazo provincial, López e Rey repasaron os investimentos previstos pola Deputación, abordaron temas de interese mutuo para as dúas administracións e estudaron as posibles vías de colaboración para atender as necesidades que presenta o Concello. “É o primeiro encontro oficial co alcalde de Caldas, aínda que xa tivemos outros informais. Tratamos cuestións que teñen que ver co Concello e xa trasladamos que na Xunta de Goberno deste venres imos aprobar o saneamento en Soutelo”, resumiu o titular da Deputación o contido do encontro.

Neste sentido, o titular do executivo provincial adiantou ao rexedor de Caldas que a Xunta de Goberno aprobará unha subvención, ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do programa + Provincia, de máis de 400.000 euros para financiar por completo a execución da primeira fase do saneamento de augas residuais en Soutelo de Abaixo. Ademais, nesta liña o concello caldense ten solicitados outros dous proxectos: o saneamento na Igrexa, valorado en 200.000 euros; e a subministración dunha furgoneta e furgón para o servizo municipal de obras valorada en 40.200 euros. Dentro do +Provincia, Caldas conta tamén cunha achega de máis de 150.000 euros para fomentar o emprego a través da contratación de sete persoas por un período de dez meses.

Do mesmo xeito, ambos os dous mandatarios abordaron tamén o proxecto para a mellora das bancadas e da iluminación do campo de fútbol das Corticeiras, valorada en 68.000 euros, e que a Deputación financiará por completo a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A vontade de escoitar, colaborar e tender pontes da Deputación cos concellos da provincia volveu quedar demostrada ao atender unha demanda formulada polo Concello, que é a mellora da mobilidade peonil na EP-8005, na Travesía Dona Urraca. Unha contorna onde está prevista a construción dun centro médico e na que o Concello solicita a construción de beiravías. O presidente López amosou a predisposición da Deputación a levar a executar este proxecto. “Estamos dispostos a realizar esta actuación, pero sempre co condicionante da dispoñibilidade dos terreos”, puntualizou o presidente sobre un trámite que debe resolver o goberno local para poder executar a obra.

A reunión, que transcorreu nun clima de cordialidade, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha como a mellora do firme da estrada entre Caldas e Portas. “Trátase doutra mostra máis do espírito municipalista da Deputación, onde o protagonismo está na man dos alcaldes e alcaldesas. Dentro dese proceso de escoita, tratamos de adaptarnos porque son os alcaldes os que máis coñecen as necesidades dos seus concellos”, concluíu Luis López. 

Galerias de imaxes