Luis López anuncia que este ano a Deputación vai destinar 500.000 € para axudas aos clubs deportivos da provincia, 200.000 € máis que no 2023

O presidente provincial subliñou que este incremento “demostra que a nosa aposta polo deporte non é de palabra, senón que aquí están os feitos”

03/05/2024

Luis López en conferencia de prensa

O presidente provincial, Luis López, anunciou este venres que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno destinar 500.000 euros para axudas aos clubs deportivos e federacións da provincia. Trátanse de 200.000 euros máis que o achegado o pasado ano para que as entidades deportivas poidan organizar competicións ou eventos deportivos o que “demostra que a nosa aposta polo deporte non é de palabra, senón que aquí están os feitos”, unha inxección que consolida a aposta estratéxica polo deporte do executivo provincial de López.

Segundo explicou o presidente, por medio destes recursos, os clubs e federacións poderán sufragar gastos federativos, gastos de viaxe, de organización, publicitarios, sanitarios e gastos de material ou de premios a través de dúas liñas. Por unha banda, a liña dotada con 300.000 € destinarase á realización de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional, é dicir, campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel. O máximo subvencionable será de 25.000 € ou do 60% do orzamento.

Pola outra, a liña dotada con 200.000 € servirá para financiar a realización de competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na liña anterior. Neste caso, o máximo subvencionable é de 6.000 € ou o 60% do orzamento.

Os apoios aprobados este venres súmanse a outras medidas impulsadas pola Deputación encamiñadas a potenciar o deporte. Entre elas está o Plan extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, así como as axudas a deportistas de alto nivel, o patrocinio de grandes eventos deportivos –como La Vuelta a España ou o partido da Selección absoluta masculina de Balonmán, Los Hispanos, contra Serbia o vindeiro 8 de maio en Lalín— e o fomento do turismo deportivo.

audios