A Deputación concede preto de 50.000 € a Ponte Caldelas para reparar o campo de fútbol de Chan da Barcia danado durante a borrasca Domingos

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 2,5 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

08/05/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Ponte Caldelas, por valor de preto de 48.000 euros, coa que poderá facer fronte á reparación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, duramente afectado pola borrasca Domingos o pasado mes de novembro. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia (59) con número de habitantes inferior a 50.000.

O Concello de Ponte Caldelas recibirá un total de 47.830,43 € para a substitución do pavimento de céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia tralos danos causados pola crecida do río Verdugo en novembro, durante a borrasca Domingos, que supuxo o desprendemento da superficie orixinal ata o punto de imposibilitar o seu uso. Esta actuación terá en conta os aumentos esporádicos do leito do río, con actuacións de drenaxe e medidas de mitigación que permitan prever tales circunstancias. Nunha primeira fase procederase á adecuación do terreo de xogo, coa instalación de arquetas que permitirán preservar o microplástico e evitar a súa desembocadura no río, a substitución do sistema de rego e a reutilización do material afectado en colexios da zona. Na segunda fase, acometeranse medidas de mitigación en colaboración con Augas de Galicia.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento máis de 2,5 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.