A Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio acordan comezar as obras de reforma da Casa de Combarro despois da celebración do Día de Colón

Ambas institucións pretenden con esta decisión evitar incomodidades e garantir a seguridade durante a celebración dos festexos

06/05/2024

A Deputación de Pontevedra  e o Concello de Poio acordan comezar as obras de reforma da Casa de Combarro, na que a institución provincial investirá 116.000 euros, despois da celebración do Día de Colón. Ambas institucións consideran que o aprazamento do arranque das obras de reforma da Casa permitirá evitar incomodidades durante a celebración deste festexo que terá lugar en Combarro os vindeiros 10 e 11 de maio.

A colocación do andamio e o inicio das obras quedará, deste xeito, para despois do Día de Colón para garantir a máxima seguridade na celebración destes festexos que volven despois do parón da pandemia da covid-19 e nos que se conmemora a relación entre o navegante máis famoso do mundo, Cristóbal Colón, e Poio. Cómpre ter en conta que gran parte dos actos da programación desta festa teñen lugar na praza na que se sitúa a Casa de Combarro, como é o caso da lectura do pregón a cargo de Ramón Pedras, e o andamio rompería coa estética, decoración e ambientación do Día de Colón.

Deste xeito, a retirada da documentación e baleirado da casa están xa programadas e as obras de conservación da Casa de Combarro darán comezo tralos festexos. En total a Deputación investirá 116.000 euros para acondicionar este espazo da súa propiedade e cederllo en condicións axeitadas ao Concello de Poio por un período de 30 anos, para que poida situar nel un centro de promoción turística e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural.

As  obras, que terán unha duración de arredor de catro meses, permitirán conservar e manter esta edificación para mellorar a súa salubridade, habitabilidade e eficiencia enerxética. Os traballos inclúen substituír a cubrición de tella, revisar a estrutura de madeira de soporte da cuberta, reparar o canlón medianeiro, limpar a fachada de pedra de maneira manual, revisar o encintado e substituír as carpinterías exteriores e as contras de madeira. Ademais, tamén se procederá a implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia así como dun sistema de ventilación con recuperador de calor, colocar novas luminarias LED en todas as estancias, renovar a instalación eléctrica, remodelar o aseo, executar unha nova instalación de fontanería e saneamento, e, finalmente, acondicionar as paredes e teitos do inmoble.