A Deputación inicia no Salnés as mesas de traballo para a elaboración da Estratexia de Turismo Rías Baixas

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este martes no Pazo Vista Real de Vilanova de Arousa ao encontro, no que participaron preto dunha vintena de representantes de administracións públicas e do sector privado da comarca do Salnés

06/05/2024

primeira das mesas de traballo da Estratexia de Turismo Rías Baixas

O deputado provincial Javier Tourís participou este martes na primeira das mesas de traballo que convoca a Deputación de Pontevedra no marco da fase participativa para a elaboración da Estratexia de Turismo Rías Baixas. Este encontro sectorial celebrouse no Pazo Vista Real de Vilanova de Arousa e nel participaron preto dunha vintena de representantes das administracións públicas e do sector turístico da comarca do Salnés, desde aloxamentos ata empresas de ocio e de lecer, de turismo náutico ou festivais culturais, entre outros.

Javier Tourís destacou “a impresionante participación e a boísima acollida que tivo por parte do sector esta mesa para elaborar a estratexia turística  da Deputación, que nos permite ir escoitando o que teñen que dicir desde todos os ámbitos do sector turístico”. No encontro valoráronse tanto os distintos recursos turísticos da zona do Salnés como a profesionalidade do sector e o crecemento experimentado nestes últimos anos, e puxéronse sobre a mesa importantes cuestións sobre as que todo o sector coincidiu en que é necesario dar respostas como, por exemplo, a desestacionalización do destino Rías Baixas.

A estratexia de turismo na que está a traballar a Deputación será un documento nacido da cooperación público-privada para marcar o destino da provincia cara ao turismo sustentable de futuro. Para a súa elaboración estase a tender pontes co sector aplicando a receita da escoita, da participación e a posta en común das ideas. Neste sentido, ademais das mesas de traballo realizaranse entrevistas e tamén se abrirá un sitio web, www.estratexiaturismoriasbaixas.com , onde se recollerán as achegas recibidas por parte de todos os participantes.

Galerias de imaxes