A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 6 de maio as axudas aos servizos de normalización lingüística dos concellos e entidades locais da provincia

Esta liña de subvencións está dotada con 200.000 euros e permitirá que as entidades locais creen ou ben manteñan e reforcen os servizos de normalización lingüística

02/05/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 6 de maio as axudas en réxime de concorrencia non competitiva dirixidas aos servizos de normalización lingüística dos concellos e entidades locais da provincia. Esta liña de subvencións está dotada con 200.000 euros e permitirá que as entidades locais creen, manteñan ou reforcen os servizos de normalización lingüística.

Por unha banda, os concellos de menos de 50.000 habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e entidades locais menores poderán recibir un máximo de ata 35.000 euros para a creación dos servizos de normalización lingüística, financiando o 100% do seu orzamento de gastos. No caso de contar con este servizo, estas mesmas entidades poderanse beneficiar das axudas para o mantemento e reforzo deste servizo cunha contía máxima de 25.000 euros, que non poderá superar o 80% do seu orzamento de gastos. Neste segundo suposto poderanas solicitar sempre e cando no momento da publicación da convocatoria xa conten cun servizo lingüístico en activo, e co obxecto de melloralo contratando máis persoal ou incrementando a xornada laboral do persoal co que xa conten.

Axudas para concellos e entidades culturais sen fins de lucro para dinamización da lingua galega

A Deputación de Pontevedra ten tamén aberto ata o 27 de maio as axudas á lingua galega das que se poden beneficiar tanto concellos de menos de 50.000 habitantes como entidades culturais para desenvolver actividades de dinamización. Están dotadas cun crédito de 300.000 euros e con elas preténdese promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega. Deste xeito, poderanse beneficiar destas achegas accións de fomento e uso da lingua galega a través de programas certames literarios e xornalísticos, feiras e eventos ou actividades de creación, actividades de sociolingüística e toponimia como estudos e publicacións ou xornadas, iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria ou campañas de dinamización, entre outras.