Deputación e Porto de Vigo exploran novas vías de colaboración conxunta para revitalizar a zona portuaria

30/04/2024

Deputación e Porto de Vigo exploran novas vías de colaboración conxunta para revitalizar a zona portuaria

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reuniuse este martes co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, a fin de explorar vías que permitan intensificar a colaboración entre ambas institucións co obxectivo de revitalizar a zona portuaria.

No encontro, que transcorreu nun ambiente de absoluta cordialidade, acordaron estudar accións conxuntas para o fomento de propostas culturais e deportivas. Neste contexto, ambos os dous apostaron pola organización de eventos que enchen de actividade a zona central do porto durante todo o ano. Falaron así de impulsar os deportes náuticos a través do Clúster Náutico Rías Baixas, potenciar a Semana Azul ou promover iniciativas que acheguen os nenos ao mar.

Tanto Sánchez como Botana coincidiron en destacar o potencial do Porto de Vigo e a ría viguesa como sede de grandes eventos internacionais, e a necesidade de organizar actividades de carácter permanente.