O Museo de Pontevedra inaugura con ‘A pel do Museo’ un ciclo de diálogos entre a colección permanente e a arte contemporánea

Rafa Domínguez: “Iniciativas como “A pel do Museo”, enmarcada no programa que acaba de nacer “Infiltracións”, vainos permitir elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado e avanzar para converter a Pontevedra na capital cultural por excelencia”

10/05/2024

Inauguración da expoción Mónica Alonso. A pel do Museo

O vicepresidente  da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou este venres a exposición ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’, acompañado da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, do comisario da mostra, Iñaki Martínez Antelo e da propia artista. A mostra, que se expande polas tres plantas do Edificio Castelao, permanecerá aberta ata o próximo 15 de setembro.  “Iniciativas como “A pel do Museo”, enmarcada no programa que acaba de nacer “Infiltracións”, vainos permitir elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado –asegurou o vicepresidente provincial – e avanzar para converter a Pontevedra na capital cultural por excelencia”.

Rafa Domínguez aproveitou a ocasión para felicitar á directora do Museo, Ángeles Tilve, e  a todo o equipo que o integra, polo seu “valioso traballo” e por ser quen de “deseñar iniciativas como esta que, sen dúbida algunha, enriquecen o Museo e a súa obra, poñéndoa en valor desde diferentes visións e desde a arte contemporánea”.  Tamén enxalzou o vicepresidente a traxectoria de Mónica Alonso, participante en dúas bienais do Museo de Pontevedra e á que convidou a formar parte da seguinte, como unha das figuras máis relevantes do panorama artístico galego actual, que fai “maxia ao ter conseguido, nesta mostra, transmitir unha visión da textura, das cores das peles, que achega unha  perspectiva  innovadora e única, como nunca antes se vira, das obras do Museo de Pontevedra”.

Ángeles Tilve salientou que esta exposición abre a celebración do Día Internacional dos Museos, que se conmemora o próximo 18 de maio, dedicado este ano á investigación e a educación. “Hai que poñer en valor o labor investigador e pedagóxico que se realiza tanto desde o ámbito académico como desde a propia práctica artística. Este traballo de Mónica Alonso, no que indaga nas cores da pel nas obras de arte é un magnífico exemplo de investigación artística. Non só cambia a nosa percepción das obras, senón que tamén nos abre a novas lecturas das demais pezas presentes nas salas”. 

Esta capacidade de xerar novas lecturas é o principal obxectivo do ciclo ‘Infiltracións’ no que sitúa esta proposta. Un proxecto que incorpora a experiencia de convidar cada ano a dous artistas contemporáneos para contrastar a súa obra coa colección permanente do Museo.  Deste xeito, en ‘Infiltracións’ cada artista convidado creará obras específicas coas que se irán incorporando progresivamente os discursos contemporáneos ao Museo, sempre en relación con obras da colección, ofrecendo novas lecturas sobre os fondos. ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’ é a primeira destas intervencións e a seguinte será a cargo do artista colombiano Alberto Baraya, que estes días visita o Museo para traballar xa na súa proposta, que se inaugurará no outono.

A pel do Museo

Na exposición ‘Mónica Alonso. A pel do Museo, a artista obtivo a fórmula precisa de cada tonalidade de pel e a mestura de pigmentos para replicala. Esa mestura sitúase diante de cada unha das obras intervidas e as persoas que visiten a mostra disporán dun folleto coa información da composición de cada cor. En palabras da propia artista, esta exposición “é a ficción dunha muller fascinada coas cores da pel que decide obtelas nas obras de arte. Con este fin, contrata un copista que debe conseguir a fórmula das cores pel de distintas obras artísticas. O copista, cal alquimista, mediante a observación, destilará cada unha das pingas de cor que contén a fórmula da cor da pel elixida. O espectador pode ver peles de cor branca, negra, azteca, de muller, home, nena, anxo, meiga, alabastro, granito, madeira, xeso...”

O percorrido a través da selección de quince obras expostas actualmente no Museo de Pontevedra e seleccionadas pola artista expándese polas tres plantas do Edificio Castelao. A escolma abrangue distintas tipoloxías de pel e de materiais utilizados en cadros e esculturas, que van desde pezas barrocas ata unha escultura de Leiro, pasando por obras de Maruja Mallo, Sotomayor, Arturo Souto, Manuel Torres, Julia Minguillón, Xosé Eiroa ou Castelao, entre outros.

Con esta selección, a artista xa está a facer unha lectura persoal sobre a colección do museo, que obras e artistas están expostas, que xéneros aparecen máis nas salas, como chegaron esas obras ao museo, como foron representadas as razas nas distintas épocas e moitas outras cuestións que se abordan neste proxecto e que continuarán cos seguintes artistas que participen no ciclo ‘Infiltracións’.

Mónica Alonso

Mónica Alonso leva décadas traballando sobre as cores, investigando as súas capacidades terapéuticas ou curativas e tamén a súa influencia nos nosos estados de ánimo. Doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, realizou proxectos expositivos para centros como o CGGAC, o Museo Provincial de Lugo, o Centro Torrente Ballester de Ferrol e o Museo de Arte Contemporáneo de Valdivia, en Chule. En 2008 recibiu a Beca CAM de Arte Contemporáneo co proxecto ‘Do frío ao calor, do calor ao frío, pasando polo temperado’, co que viaxa a lugares como Oslo, São Paulo, Patagonia, Nord Kapp e o Sahara.

A súa multidisciplinariedade levouna a realizar varios proxectos de colaboración ao longo dos anos. Do seu interese pola arquitectura e a psicoloxía xurdiu a súa creación da disciplina do psicoespazo e as súas teorías, que a levou s deseñar terapias espaciais, como a que aplicou no CHUS de Santiago de Compostela, na área de pediatría, entre 2008 e 2010. En 2012 deu comezo a un dos seus proxectos máis ambiciosos: Percepción espacial e cromática do ser humano en diferentes culturas, co que fixo aplicacións na cultura árabe, mexicana e galega. Logo estendeu a investigación a diferentes grupos sociais: mulleres árabes, xitana e galegas e grupos como vítimas de violencia e pacientes de cancro xinecolóxico.

Realizou residencias artísticas en Rio de Janeiro, El Cairo e México. En 2015 recibiu a Bolsa de Excelencia do Goberno Mexicano, da que xurdiu o proxecto ‘A maxia do colibrí. 6 casos desesperados’, que expuxo no Museo MARCO, Vigo, en 2020. En 2022 foi nomeada académica de número da Academia Galega de Belas Artes.  

Galerias de imaxes