Luis López amosa o apoio da Deputación ao tecido empresarial da provincia na inauguración dun centro de traballo para emprendedores en Vilagarcía

O presidente provincial destacou a importancia da dixitalización do sector na estrea do Hubnet posto en marcha pola Cámara de Comercio en Vilagarcía e Pontevedra

02/05/2024

Presentación do hubnet

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o apoio do goberno provincial ao colectivo empresarial da provincia na inauguración do Hubnet, un centro empresarial que a Cámara de Comercio inaugurou este xoves nas cidades de Vilagarcía e Pontevedra. “A nosa provincia conta desde hoxe cun proxecto máis para impulsar a transformación dixital en sectores estratéxicos”, afirmou o mandatario provincial.

A apertura destes centros, apuntou López, supón un “salto cara a modernidade” para as dúas cidades, un avance na dixitalización das empresas e un impulso para sectores estratéxicos da provincia como o turismo, o comercio ou o forestal. O presidente da Deputación destacou as opcións que brindan estes centros aos seus usuarios para dispoñer dos equipamentos precisos para que os proxectos medren, colaborar con outras empresas ou construír empresas máis competitivas.

Neste sentido, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do goberno co sector empresarial da provincia. Un apoio que se traduce en programas que contribúen a dinamizar a economía do territorio, como o +Provincia, ou nunha asistencia directa aos emprendedores, como é o caso do programa Smart Peme. “Un programa integral de acompañamento, asesoramento e cooperación que temos á disposición do tecido emprendedor da nosa provincia”, sinalou López. Neste contexto, a Deputación atendeu a preto de 500 empresas, organizou case cen obradoiros e contou coa participación dunhas trinta empresas nas súas aceleradores desde a segunda metade do ano pasado.

Apertura en Pontevedra

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Deputación, Rafa Domínguez, asistiu á inauguración do centro hubNET que a Cámara de Comercio puxo en marcha na cidade de Pontevedra. “Nesta provincia temos un espírito emprendedor ao alcance de moi poucos. Somos un territorio moi dinámico e diverso”, asegurou o vicepresidente, ao tempo que lembrou a importancia de apostar “pola modernización e dixitalización dos negocios, abrindo así portas a novas oportunidades e avances tecnolóxicos.

“A Cámara de Comercio e o sector empresarial de toda a provincia ten na Deputación de Pontevedra un socio leal e un apoio sólido para seguir avanzando no camiño da dixitalización”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.