Luis López anuncia +Talento Motor: un programa pioneiro que formará a 30 entusiastas do motor e reforzará a aposta da Deputación polo automobilismo da provincia

“Este goberno está centrado co deporte co obxectivo de que ningún club, deportista ou disciplina quede atrás”, sostén a vicepresidenta Luisa Sánchez

13/05/2024

Luis López anuncia +Talento Motor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou a aposta do executivo provincial polo deporte coa presentación dunha iniciativa pioneira relacionada co automobilismo: o +Talento Motor. Trátase dunha “academia” para formar a trinta novos pilotos da que sairá un gañador que participará cun coche patrocinado pola Deputación de Pontevedra nos cinco rallys que compoñen o campionato galego. “Unha nova mostra do compromiso da Deputación por tender pontes co tecido deportivo, por darlle visibilidade e apoio aos nosos deportistas e polo deporte como complemento ideal do noso destino turístico Rías baixas”, afirmou o presidente.

Acompañado pola vicepresidenta a responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, o titular do goberno provincial explicou que este novidoso proxecto ten o obxectivo de promocionar a modalidade dos rallys entre os pilotos máis novos da provincia de Pontevedra para que poidan competir nos campionatos galegos desta disciplina. A actividade consiste nunha xornada de formación práctica e teórica que terá lugar o día 26 de maio no circuíto de Forcarei. Alí os participantes participarán nun proceso de selección en formato de eliminatorias do que sairá un gañador, que recibirá un premio baseado nun curso de competición, a inscrición nos cinco rallys que compoñen o campionato galego e a cobertura dos gastos. O prazo de inscrición ábrese este martes e os interesados terán ata o 23 de maio para enviar a súa solicitude. Aínda que o número de prazas é de 30 participantes, o presidente da Deputación confirmou que non quedará ningún piloto fóra, polo que se é necesario ampliarase o número de prazas.

Os requisitos para participar pasan por ter entre 18 e 24 anos, estar empadroado na provincia de Pontevedra e non ter competido en máis de dúas probas autonómicas que requiran estar en posesión dunha licenza federativa. “É unha iniciativa para axudar aos deportistas máis novos da provincia a progresar”, resumiu Luis López a razón de ser deste programa que se organiza por primeira vez a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo e a escudaría AMF Motorsport.

Luis López anuncia +Talento Motor

“O goberno da Deputación de Pontevedra está centrado co deporte co obxectivo de que ningún club deportista ou disciplina quede atrás. Queremos converter á provincia de Pontevedra no gran escenario das mellores competicións deportivas e para acadar esta meta precisamos un sector que demostre a súa calidade en todos os ámbitos: no talento dos seus deportistas, no compromiso coas directivas dos clubs e no bo estado das infraestruturas. E para iso é tan necesario o talento técnico e deportivo como a axuda das institucións públicas”, afirmou a vicepresidenta Luisa Sánchez.

Rematou o presidente da Deputación a presentación deste pioneiro programa +Talento Motor agradecendo a colaboración da federación e da escudaría e animando ás promesas do automobilismo da provincia a participar nesta iniciativa. “Agardo que a convocatoria sexa un éxito e que do circuíto de Forcarei saian grandes deportistas porque, cando se trata de apoiar o deporte de base, os resultados son o de menos”, concluíu Luis López.

Ligazóns de interese