Luis López remarca a importancia de festas como a da Sementeira de Salvaterra de Miño para enriquecer a oferta cultural e turística da provincia

O presidente da Deputación inclúe esta celebración, que cumpre 16 edicións, dentro do catálogo de experiencias 100 % Rías Baixas polos visitantes que atrae, polo coidado do territorio e por enxalzar as tradicións e a cultura

12/05/2024

Luis López na festa da Sementeira en Salvarterra de Miño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia de festas como a da Sementeira e da Música na que participou este domingo pola súa contribución a enriquecer a oferta cultural e turística das Rías Baixas. “Esta Festa da Sementeira forma parte do noso catálogo de experiencias 100 % Rías Baixas. É unha festa que cada ano medra en calidade e en visitantes, que coida do noso territorio e das nosas tradicións e que enxalza a nosa forma de vida e o noso destino turístico”, afirmou o dirixente.

O mandatario provincial asistiu á lectura do pregón, que correu a cargo do actor David Perdomo, e percorreu a área recreativa do Muíño da Ponte, na localidade de Corzóns, no que instalaron un mercado de artesanía, houbo unha concentracións de vehículos agrícolas e tivo lugar unha representación dos tradicionais labores de labranza.

Neste sentido, o presidente da Deputación puxo en valor a fortaleza das Rías Baixas como un destino turístico de primeiro nivel. “Un destino que non é único pola auga das nosas praias, ríos, rías, illas, embalses, fervenzas ou termas; un destino que non é o máis buscado por ofrecer unha rica gastronomía, numerosas bodegas e restaurantes con estrela ou viños de calidade, e un destino que tampouco é o máis galardoado por ter incontables festivais de música, cine ou polas súas festas populares. Somos o destino favorito porque nas Rías Baixas ofrecemos todo o que busca hoxe o turista”, asegurou Luis López.

Despois de poñer en valor o traballo do Concello e da Asociación Cultural Quinta do Piñeiro polo excelente labor organizativo que levan realizando ao longo destas 16 edicións da festa da Sementeira, Luis López amosou o compromiso da Deputación de “seguir apostando por celebracións que son referencia en sustentabilidade, en difusión da nosa cultura e en promoción do noso destino turístico”.

 

Galerias de imaxes