Luisa Sánchez amosa o apoio da Deputación de Pontevedra á sección feminina do Real Club Celta de Vigo na presentación do novo equipo na Madroa

09/05/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu na Cidade deportiva da Madroa (Mos) á presentación do novo equipo feminino do Real Club Celta de Vigo, froito da súa fusión co Unión Deportiva Mos. A vicepresidenta asegurou que “é un auténtico honor ser testemuño deste novo fito do club no que a afección do Celta vemos cumprida unha das nosas grandes aspiracións”, e valorou o novo equipo como “un soño que levabamos anos reclamando e por fin se fixo realidade e ademais no mellor momento posible, pois nace baixo a primeira presidencia feminina do club nos seus 100 anos de historia”.

Luisa Sánchez cualificou o proxecto de “ilusionante” e felicitou a nova presidenta, Marián Mouriño, porque “cumpriches a túa promesa para darlle o mellor colofón aos 100 anos de Afouteza e Corazón do Celta”. A vicepresidenta provincial anticipou que “este equipo vai ser o teu gran legado e desde a Deputación sentimos moito orgullo por este proxecto que se sumará ás grandes alegrías que nos está agasallando o deporte pontevedrés”.