A Deputación avanza nas obras de ensanche e mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, o tramo de 1.200 metros no que a institución está a actuar e no que está a investir máis de 400.000 euros

30/04/2024

Visita a estrada Serrapio Portela en Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra avanza nas obras de ensanche e mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, o tramo de 1.200 metros no que a institución está a actuar e no que está a investir máis de 400.000 euros.

“Trátase dunha obra moi demandada, desde fai anos, polos veciños e o alcalde da vila e que, agora, por fin, estase a converter en realidade”, remarcou a deputada provincial quen explicou que, nestes momentos, estanse a executar os traballos de movementos de terra e elaborando os muros de contención que permitirán solucionar a altura existente entre a estrada provincial e o rego de Portaquintás.  Ata o de agora, a estrada tiña un ancho medio de 4,5 metros, carecía de beiravías e presentaba un trazado sinuoso, cunha sucesión de curvas entrelazadas de pequeno radio onde a visibilidade para os vehículos era practicamente inexistente. Ademais, a vía tiña problemas en canto á drenaxe da plataforma que xeraban acumulacións de auga nos días de fortes precipitacións. 

Coa mellora que se está a acometer, ampliarase o ancho da sección da estrada ata os 7 metros de ancho e corrixirase o trazado das curvas, que verán incrementado o seu radio o que permitirá, á súa vez, unha mellora da visibilidade. Ademais, renovarase o firme na totalidade dos 1.200 metros de actuación e realizarase unha mellora da drenaxe da estrada, para paliar os problemas de acumulación de auga existentes na actualidade. A actuación completarase coa renovación da sinalización horizontal e vertical e coa disposición de peitorís e barreiras de seguridade e dos accesos aos predios afectados.

Ademais desta actuación na EP-7102 Serrapio-Portela, onde a Deputación de Pontevedra está a investir máis de 400.000 euros, a institución provincial ten tamén en marcha obras na EP-0405 A Xesteira-Almofrei, cun investimento de preto dun millón de euros. Nesta estrada estanse xa a realizar os movementos de terras para a execución dos desmontes e terrapléns necesarios no inicio da actuación.