A transformación de Vilaxoán avanza da man da Deputación coa reforma da rúa Sobrán

A Deputación financiou integramente os traballos, xa rematados, a través dunha achega de máis de 600.000 € do Plan Concellos que permitiu recuperar 4000 m2 para as persoas

23/03/2023

Rúa Sobrán

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, acompañado do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e integrantes do goberno local, visitou esta mañá os traballos na rúa Sobrán de Vilaxoán, totalmente transformada para converterse nunha rúa do século XXI, seguindo os parámetros do modelo de actuación no espazo público da Deputación. As obras foron financiadas integramente con cargo ao Plan Concellos, a través dunha achega superior aos 600.000 euros que permitiu recuperar 4.000 m2 para as persoas  e renovar servizos nesta contorna, dando resposta a unha ampla demanda veciñal e unha necesidade, xa que a rúa presentaba un gran deterioro estético e funcional.

As obras na rúa Sobrán comprenderon un tramo de preto de medio quilómetro entre a contorna da igrexa de San Martiño e o cruce coa rúa que dá acceso ao colexio de Faxilde. Baixo terra, a maior parte do investimento dedicouse a renovar as redes de saneamento e abastecemento que, pola súa antigüidade, sufrían atascos e rompían de forma continua, causando cortes de auga. Ademais soterráronse os servizos de electricidade, telefonía e alumeado público, e a nova iluminación conta con luminarias LED.

Xa na superficie, renovouse o pavimento da vía, que presentaba fisuras, gretas e fochancas. Deseñouse unha plataforma única con preferencia peonil coa velocidade limitada a 20 km/h para garantir a seguridade das persoas e reducir as emisións de C02. Na contorna da igrexa –zona monumental protexida por Patrimonio– a reforma ten como protagonista principal a pedra, mentres que no segundo tramo da rúa –onde xa só quedan vivendas actuais– utilizouse o formigón para as beirarrúas e asfalto para a vía.

Galerias de imaxes