A Deputación revalida o seu apoio á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos

A institución provincial colabora co proxecto formativo “Camiño ao bo trato”, enfocado a afondar no coñecemento dos procesos da violencia de xénero para unha mellor intervención profesional

24/05/2023

A Deputación de Pontevedra revalida o seu apoio á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero, cunha nova achega de 6.000 euros para colaborar no desenvolvemento do proxecto formativo “Camiño ao bo trato”. Trátase dunha iniciativa enfocada a afondar no coñecemento dos procesos da violencia de xénero para unha mellor intervención na praxe profesional, así como unha maior detección e comprensión dos grupos que vaian impartir formación neste eido.

A través desta iniciativa, impulsarase formación teórica-práctica a través de obradoiros dirixidos a asociacións veciñais e do terceiro sector, profesionais que traballan directamente con mulleres, persoal que traballa nos medios de comunicación, profesorado, alumnado dos colexios e institutos, ANPA dos centros educativos e  todas aquelas persoas interesadas. Amais, desenvolveranse accións de sensibilización, concienciación, prevención e detección da violencia de xénero.

Estas actividades teñen como obxectivos específicos favorecer a adquisición de habilidades relativas á prevención e detección no marco da intervención profesional, amais de profundar e concienciar dentro de cada campo de acción profesional (docente, sanitario, asistencial, policial ou xudicial) da necesidade dunha intervención desde a perspectiva de xénero. Tamén buscan favorecer a detección dos malos tratos como requisito para previlos nas relacións afectivas e sociais.