A Deputación avanza na seguridade viaria en Baiona con actuacións por máis de 900.000 €

Carmela Silva visitou co alcalde Carlos Gómez novas obras que desenvolve a institución provincial na EP2204 Sabarís-Belesar, na que leva investidos xa máis de 730.000 €, e a mellora do Camiño de Serralleira, á que o goberno local destinou 133.191 € do Plan Concellos

25/03/2023

BAIONA SEGURIDADE VIARIA

No marco do seu modelo de mobilidade sostible, amable e segura, a Deputación vén de financiar  varias actuacións en Baiona que ascenden a preto de 900.000 € para seguir garantindo a seguridade viaria e a transformación da vila. Trátanse das obras de emerxencia e unha nova cuneta tendida que se están a executar na EP-2204 Sabarís-Belesar, que acaban de visitar a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Carlos Gómez, e que se unen ás anteriores obras de mellora executadas para transformar este importante viario provincial, de máis de seis quilómetros, que une estas parroquias de Baiona. Amais desta actuación, a presidenta e o alcalde tamén comprobaron a mellora xa executada no pavimento e seguridade no Camiño de  Serralleira, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, que foi financiada cunha achega do Plan Concellos.

Na  EP-2204 Sabarís-Belesar a Deputación leva investidos máis de 730.000 euros en diversas intervencións. As últimas son as obras de emerxencia que tiñan como obxectivo a reparación dun muro de contención que presentaba unha situación de inestabilidade tralas choivas, a fin de garantir a seguridade e evitar riscos de danos maiores antes de que se vise afectada a calzada e o tráfico rodado. Así mesmo, estanse a executar novas cunetas tendida para garantir o tránsito peonil nun punto onde non era posible a habilitación dunha senda peonil. Obras  nas que se están a investir en conxunto 115.000 euros e que, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, “son necesarias para que a xente poida circular”. “Imos seguir traballando da man do Concello –apuntou-. A xente ten que ter boas infraestruturas de acceso ao lugar onde vive e esta é unha estrada provincial moi importante en Baiona”.

O citado viario provincial xa foi obxecto no 2021 dunha ambiciosa actuación de reposición de firme por medio millón de euros, na que se acometeron traballos de aglomerado do viario e de renovación da capa de rodadura nunha área de 34.500 metros cadrados. Con anterioridade, tamén se acometeron obras de mellora de seguridade por preto de 92.000€. A elas hai que unir as actuacións do Plan Móvese, coa instalación de dez redutores de velocidade e un paso peonil sobreelevado, nas que se investiron 96.000 euros.

Amais de percorrer a EP-2204, a presidenta provincial e o alcalde visitaron as obras realizadas no Camiño de Serralleira, tamén en Sabarís, que foron financiadas cunha achega do Plan Concellos de 133.191€. Os  traballos permitiron mellorar a pavimentación e a seguridade deste viario, co fin de facilitar o acceso á veciñanza da zona. Executouse unha nova capa de rodadura, tomando como base o pavimento actual, ao longo dos 877 metros do camiño e tamén se levou a cabo o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño. A actuación complementouse coas canalizacións de drenaxe de pluviais.

Carmela Silva destacou as melloras acadadas con estas actuacións e a aposta realizada polo Goberno local para seguir avanzando na “gran transformación do municipio, non soamente investindo no centro urbano, senón tamén nas parroquias e nos viarios municipais, garantindo servizos e dereitos para as persoas, vivan onde vivan”. “Estas tres actuacións –sinalou- súmanse a todo o traballo desenvolvido ao longo destes anos froito da colaboración entre o Concello e a Deputación, nunha relación marcada pola complicidade, o diálogo e por unha forte aposta por traballar xuntas e xuntos e seguir facendo que Baiona teña as mellores infraestruturas, dotacións e equipamentos”.

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, agradeceu o apoio da Deputación para executar obras “que realmente transforman a nosa vila”. Neste senso, recordou que as achegas do Plan Concellos a Baiona desde o 2019 sumaron dous millóns de €, “algo importante de resaltar para que a veciñanza valore o investimento deste goberno nas parroquias, que realmente estaban esquecidas polos gobernos anteriores”. E engadiu que amais da estrada provincial EP-2204, os recursos da institución provincial permitiron outros arranxos en camiños de Belesar, Baredo ou Sabarís, “con fondos todos os anos que se reparten de maneira clara, obxectiva; ogallá todas as administracións o fixeran desta maneira”.

Galerias de imaxes