Carmela Silva, investida hoxe en Madrid nova confrade da Enxebre Orde da Vieira

A presidenta provincial, apadriñada polo ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño, nomeada xunto a outras nove persoas, destacadas pola súa vinculación e “amor por  Galicia”

25/03/2023

CARMELA SILVA CONFRADE ORDE DA VIEIRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de ser investida este sábado en Madrid nova confrade da Enxebre Orde da Vieira, no transcurso do 55 Capítulo Xeral da entidade, sesión na que tamén se entregaron as distincións anuais que concede este colectivo. Carmela Silva ingresou na orde xunto a outros e outras dez confrades, sendo apadriñada polo ex ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, quen recibiu o Madrigallego de Oro, un dos galardóns entregados durante a velada.

A presidenta provincial expresou o seu “enorme orgullo polo nomeamento e polo recoñecemento o meu labor como galega que traballa polo progreso e futuro de Galicia”, e expresou a súa ilusión porque o ex ministro Francisco Caamaño a apadriñara, “sinto un grande aprecio, agarimo e respecto por el”. Carmela Silva agradeceu tamén “un acto tan fermoso e cheo de emocións, realizado por persoas do mundo da cultura, da empresa ou da ciencia, que no seu día emigraron a Madrid e a quen temos que facer un recoñecemento porque mantiveran esa forte ligazón coa súa terra, á que defenden sempre e que senten tanto orgullo de ser de Galicia”.

Baixo o lema “Galicia somos todos e todas”, a cerimonia do 55 Capítulo Xeral da Orde estivo dirixida por vez primeira por un Consello Oficiante formado integramente por mulleres, todas elas recoñecidas científicas e profesionais entre as que se atopaban Regina Revilla, María José Alonso, María do Carmen Andrade Perdrix, Ana María Fernández-Teijeiro, Silvia Jato, Elena Mantilla García e Marisol Soengas.

Xunto a Carmela Silva, foron investidos coa capa, a concha da vieira, a insignia e o diploma da orde, louvando os feitos que amosan a súa vinculación e “amor por Galicia”, a catedrática María Blanco Prieto; o economista e catedrático Antón Costas Comesaña; a directora global de Comunicación de Telefónica, Eva Fernández Gómez; o presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco Pardo; e empresario Ángel Hernando Sánchez; Rosa Ríos; a actriz e soprano, Noemi Mazoy Fernández; a directiva Sara María Rodríguez Gude; o avogado e enxeñeiro industrial Roberto Rodríguez Rosado e o político e empresario Juan Carlos Serrano López.

A Orde da Vieira constitúe un nexo de unión e relación entre persoas galegas na diáspora. Naceu en 1967 “como xesto de galeguidade” levado a cabo por un grupo de persoas universitarias galegas residentes en Madrid. Desde entón creceu ata chegar a 1.500 persoas que comparten o feito de “ter destacado publicamente polo seu amor a Galicia”.

Galerias de imaxes