O IES Illa de Ons de Bueu acolle este xoves a primeira das charlas científicas en centros educativos do ciclo “Aida Fernández Ríos”

A directora do Campus Innova Susana Ladra impartirá a conferencia “Big data e Xenómica”, coa que a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias inician as charlas que achegarán a ciencia e a tecnoloxía a 5 centros educativos da provincia

24/05/2023

O IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega esta semana aos centros educativos da provincia con coloquios adaptados ao público mozo. A primeira das xornadas terá lugar este xoves, 25 de maio, no IES Illa de Ons (Bueu) onde Susana Ladra González, directora do Campus Innova, investigadora do CITIC e profesora no Departamento de Ciencias da Computación e das Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, abordará o “Big data e Xenómica” para dar a coñecer como sobrevivir ante a avalancha de datos e como se poden analizar e utilizar para avanzar no coñecemento das especies ou enfermidades.

Trala conferencia en Bueu o ciclo continuará a súa andaina por centros educativos o 5 de xuño, cando recalará no IES María Soliño (Cangas) onde María Dolores Mayán Santos, xefa do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) do CHUAC abordará as “Novas terapias que están revolucionando o tratamento contra o cancro”. Na súa conferencia a científica explicará cuestións relativas á inmunoterapia e terapias dirixidas a dianas presentes nas células tumorais.

Xunto a estas dúas charlas, o ciclo continuará ao longo do ano noutros tres centros educativos da provincia con “Superbacterias e One Health: do filete ao raposo e á diarrea”, a cargo de Azucena Mora, profesora titular de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria da Universidade de Santiago; “O que agochan os datos” a cargo de Rosa Crujeiras, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia da Universidade de Santiago; e “Pequenas heroínas: bacterias que degradan o plástico” a cargo de Sabela Balboa, investigadora Ramón y Cajal no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC.

Seminarios web abertos ao público en xeral

Pola súa banda, os seminarios web dirixidos ao público en xeral, tamén enmarcados no IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, continúan esta semana a súa andaina. Este xoves ás 19.00 horas Jacobo Porteiro Fresco, catedrático da área de Máquinas e Motores Térmicos da Escola de Enxeñería Industrial no centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, impartirá a conferencia “Combustibles sostibles para un futuro descarbonizado”. Na súa charla afondará no reto que afronta a sociedade para desenvolverse cunha economía na que os combustibles libres de emisión de dióxido de carbono substitúan aos combustibles fósiles actuais.

En xuño, os webinarios continuarán o día 1 ás 19.00 horas e farao da man de Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Vigo Quantum Communication Center da Universidade de Vigo, con “A segunda revolución cuántica: como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro?”. O 8 de xuño, á mesma hora, Ana Freire Vega, , profesora titular e directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da Barcelona Scholl of Management, abordará “Como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental?”. Finalmente, o día 15, ás 19.00 horas, será a quenda da “Evolución das nosas células e por que se producen os tumores” da man de David Posada, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en asistir telematicamente e de xeito gratuíto ás conferencias deberán inscribirse en www.depo.gal

O ciclo Aida Fernández Ríos, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu no ano 2020 como homenaxe a esta investigadora, bióloga oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.