A Deputación volve colaborar co Mexillón de Galicia coa renovación da infraestrutura tecnolóxica da sede

Tamén co apoio da institución provincial, o Consello Regulador instalará en Vilagarcía a que será a primeira exposición permanente sobre o mexillón en Galicia

26/05/2023

CArmela Silva

A Deputación de Pontevedra vén de renovar o seu compromiso co Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia ao que destinará 23.000 euros para colaborar coa renovación da infraestrutura tecnolóxica da súa sede, situada en Vilagarcía de Arousa. Tal e como informou hoxe en rolda de prensa a presidenta, Carmela Silva, o Consello Regulador poderá, co apoio da institución, modernizar as súas instalacións onde, ademais, se situará a primeira exposición permanente en Galicia que afondará na importancia deste produto para a provincia e a comunidade. “Deste xeito, apostamos por modernizar e facer visible o noso sector”.

No apartado de renovación da súa infraestrutura tecnolóxica, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia poderá adaptarse ás demandas do sector e ás tecnoloxías de vangarda coa actualización tanto da instalación eléctrica como da asistencia técnica. Tamén poderá instalar toda a infraestrutura e medios necesarios para a configuración dos espazos de almacenamento, instalación e configuración do sistema de copias de seguridade, dos dispositivos con redes Wi-Fi, ou a instalación de switch e cortalumes. Deste xeito, a Deputación garantirá que Mexillón de Galicia se dote dunha arquitectura con equipos e plataformas máis seguras que minimizan a posibilidade de ciberataques ou os fallos na subministración eléctrica.

Pola outra banda, a través dos recursos provinciais, crearase unha exposición permanente na sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia para reforzar a imaxe da provincia como destino cultural de calidade, ao ser este un territorio cun vínculo innegable a nivel histórico, social e económico co produto. Será a través de impresións dixitais laminadas e en vinilo que incluirán fotografías e textos explicativos sobre o valor do mexillón, e onde aparecerán representadas as empresas e os produtos certificados na DOP. Esta mostra será, ademais, a primeira exposición específica sobre o mexillón en toda Galicia, e nela explicarase a forma de cultivo autóctona, así como o seu valor económico, social, cultural, paisaxístico, gastronómico e nutricional: un percorrido natural de toda a súa cadea de valor.

audios