A Deputación e a asociación maceira e sidra da Estrada avanzan na promoción da Ruta da Sidra de Tabeirós-Terra de Montes como atractivo turístico provincial

Veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo accións promocionais, unha xornada sobre sidra e turismo e unha visita á Ruta da Sidra de Cornualles (Francia)

02/05/2023

Maceiras A Estrada

A  Deputación de Pontevedra e a Asociación Maceira e Sidra da Estrada acaban de asinar un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 15.000 € a este colectivo para a realización de actividades referentes á promoción como atractivo turístico da Ruta da Sidra da Estrada, localidade que sitúa a comarca de Tabeirós-Terra de Montes como referente en todo o noroeste peninsular no campo da produción ecolóxica de mazás e produtos elaborados con esta materia prima. As accións enmarcadas no acordo permitirán posicionar a comarca como referente neste tipo de turismo e, ademais, coñecer de primeira man outras entidades similares para aprender das súas experiencias e aplicar o coñecemento adquirido na mellora da Ruta da Sidra da Estrada.

O convenio inclúe unha liña de promoción en liña da Ruta da Sidra. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra colaborará na difusión das actividades da ruta no sitio web www.rutadasidraaestrada.es e nas súas redes sociais, así como difusión en prensa, radio e televisión. Ademais, tamén abrangue a celebración dunha xornada técnica, o día 2 de xuño, sobre sidra e turismo no lagar A Rabiosa para dar a coñecer a Ruta da Sidra da Estrada. Esta xornada ten como principal misión formar guías para comercializar este produto turístico, principalmente axencias de viaxes, pero tamén outros colectivos que poidan axudar a promocionar e poñer en valor a ruta como un elemento turístico atractivo. Nela participarán persoas relacionadas co enoturismo aplicado ao mundo da sidra.

Ademais, a Asociación Maceira e Sidra da Estrada realizará entre os días 6 e 9 de xullo unha visita á Ruta da Sidra de Cornualles, na bretaña francesa. Durante estes días, a asociación visitará a organización CIDREF (Comité de Cidricultura para o Desenvolvemento e a Investigación de Fouesnant e Finistère, e que ten como misión poñer en marcha accións que permitan ás persoas integrantes optimizar a produción e distribución dos seus produtos relacionados coa cultura da mazá) co fin de aprender sobre a xestión da súa Ruta da Sidra, as actividades que realiza, a organización da ruta e o seu funcionamento ao longo do ano. No marco da viaxe, tamén farán unha visita á propia ruta e a varios lagares que a integran. A Ruta da Sidra de Cornualles forma parte de Ciderlands (asociación europea das rutas da sidra, da que tamén forma parte a da Estrada) e, ademais, a sidra deste condado francés conta con Denominación de Orixe Protexida.

Con este convenio, a Deputación redobra a súa aposta pola promoción da ruta da sidra da Estrada trala celebración, por cuarto ano consecutivo, das visitas ás maceiras en flor e lagares de Tabeirós-Terra de Montes que tiveron lugar esta pasada fin de semana con todas as prazas esgotadas. A promoción deste itinerario busca que as persoas visitantes, ademais de achegarse aos lagares e degustar os seus produtos, tamén descubran o turismo de natureza e etnográfico desta contorna rural así como de toda a provincia de Pontevedra.