A Deputación enche o Pazo Provincial de poesía, ilustración e música para celebrar o Día de Rosalía

Os actos de homenaxe “á autora máis representativa das nosas letras” comezaron, da man da Fundación Rosalía, coa plantación simbólica dunha filla da súa figueira nos xardíns do Pazo

23/02/2023

Día de Rosalía

Poesía, ilustración e música encheron esta tarde o Pazo provincial da Deputación para celebrar o Día de Rosalía, nun acto multidisciplinar, conducido pola actriz Mónica Camaño, que abarrotou o Salón de Plenos e que comezou nos exterior coa plantación simbólica dunha filla da figueira de tempos da autora, un dos rexistros florais máis prezados de Galicia, doada pola Casa-Museo de Rosalía. A presidenta Carmela Silva, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, e as deputadas de Lingua e Cultura, María Ortega e Victoria Alonso foron as persoas encargadas de sementar simbolicamente nos xardíns do Pazo un exemplar desta variedade, co que a provincia pasa a custodiar esta árbore monumental e senlleira intimamente ligada “á autora máis representativa das nosas letras”.

Os poemas de  Rosalía “Diredes d´estos versos, y é verdade”, “Xigantescos olmos, mirtos”, “Silencio!” e “Tal com´as nubes/Qu´impele o vento…” na voz do Premio Nacional de Poesía Xove Alba Cid resoaron no Salón de Plenos ao igual que a melodía da arpa en mans de Alba Barreiro, que interpretou os temas de Rodrigo Romaní “Torres no ar” e “Albeida”. De xeito simultáneo, o artista multidisciplinar Marcos Escudero elaborou en directo unha espectacular ilustración en area coa técnica ‘sand painting’. Ademais, a filósofa, ensaísta, profesora e política Carme Adán foi a encargada de ler o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) deste ano, do que é tamén autora.

A presidenta, Carmela Silva, puxo en valor a Rosalía de Castro, á que dende a Deputación “reivindicamos para enxalzar o seu papel tamén como unha das primeiras referentes do feminismo en Galicia”. Carmela Silva remarcou “o privilexio que temos en Galicia de que unha muller sexa a nosa referente, a nosa matriarca, o noso grande emblema que nos une e identifica” e, por iso, “é fundamental poñela en valor hoxe, pero tamén todos os días do ano”. Indicou que “celebrar a Rosalía é recoñecer o transcendental papel que desenvolveu nunha época nada sinxela, foi unha muller poderosa e valente que ía un século por diante ao loitar contra un tempo que lle quedaba escaso” e puxo en valor o seu “talento formidable, capaz de atrapar en palabras a brétema ou o verde da paisaxe”, e a quen Galicia “está eternamente agradecida polo orgullo que infunde en nós como pobo”.

Manuel Lorenzo, membro da Fundación Rosalía de Castro, agradeceu a Deputación “a inestimable axuda que nos presta” e asegurou que “hoxe é un día moi especial, agora que por fin confirmamos que Rosalía naceu un 23 de febreiro”. Lorenzo reivindicou as multitudes de Rosalía, “a nosa figura referente e a marca de auga que nos representa”, destacando “a súa condición feminina e a súa perspectiva de país e de lingua” e asegurou que “a través dos seus versos toca o máis profundo de nós, a alma das galegas e os galegos.

A deputada de Lingua, María Ortega, lembrou que o pasado día 21 de febreiro foi o Día da Lingua Nai e celebrou que esa data e a do nacemento da autora estean tan próximas. “Para nós Rosalía é como unha nai que nos acubilla no seu seo e nos amosa a valía do galego e do país. É a nosa autora de referencia, a máis universal e a que nos axuda a construír a nosa identidade”, dixo. A deputada destacou o traballo de posta en valor da autora nos actos institucionais novamente da man de dúas entidades, a Fundación Rosalía de Castro (con Anxo Angueira e Manuel Lourenzo Baleirón), e a AELG, coa lectura do manifesto de Carme Adán, “organizacións sempre reivindicativas do carisma de Rosalía, para nós é unha obriga a colaboración con elas”, subliñou. Lembrou tamén  que os actos de Rosalía seguirán o resto do ano coas visitas á casa de Rosalía baixo o programa ‘A súa casiña, o meu lar’ destinado a centros de ensino de Primaria e Secundaria, aos que se sufraga a entrada á Casa da Matanza e o transporte, sendo unha actividade totalmente de balde para as persoas beneficiarias. Recordou tamén a exposición ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’, que estará no mes de abril no vestíbulo do Pazo. Por último, Ortega deu as grazas e os parabéns ás compañeiras do departamento de Comunicación Institucional por deseñar para a efeméride unha imaxe que amosa “á Rosalía que nos gusta, reivindicativa, forte, que crea pensamento dende a súa obra”.

Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso sinalou que “Rosalía de Castro foi unha muller que loitou para abrirse un oco nun mundo no que ás mulleres non se lle cedían espazos”. A deputada puxo en valor o legado de Rosalía, que “nos transcende e nos transcenderá porque nos representa a nós e tamén o moito que queremos a nosa terra ata o punto de que unha e outra, Rosalía e Galicia, converxen e se converten na mesma cousa”. Ademais, tamén agradeceu o alumnado e profesorado participante no concurso ‘A Nosa Rosalía Feminista’ por “sementar as bases para que as nenas e nenos de hoxe sexan homes e mulleres implicadas e implicados na construción dun mundo mellor, un mundo do que Rosalía de Castro estaría moi orgullosa”.

Agasallos para o público e para os centros que participaron no concurso ‘A Nosa Rosalía

No acto de Pontevedra tamén se entregaron os premios das categorías ‘Campaniñas’ (de 1º a 3º de Primaria) e ‘Paxariños’ (Educación Especial) do concurso escolar ‘A Nosa Rosalía Feminista’, no que a rapazada tivo que elaborar interpretacións feministas de Rosalía, en forma de colaxe, recollendo palabras e versos ou representacións da súa figura a partir da reciclaxe, con papeis, cartóns, telas e obxectos ou elementos tridimensionais. Os centros premiados foron, na categoría de ‘Campaniñas’: o CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos (aula de 2º A), que recibiu o 1º premio, e o 2º premio para o CEIP Cruz Budiño do Porriño (aula de 1º), que conseguiu o 2º premio. No caso da categoría ‘Paxariños’ o premio foi parar para o CEE de Vilagarcía de Arousa. Mañá, no acto na cidade de Vigo, daranse a coñecer os resultados da categoría Airiños (4º a 6º Primaria).

Os centros gañadores recibiron un lote de libros (neste caso para todos os centros participantes), un obradoiro creativo de reciclaxe (para a 2ª mellor colaxe de cada categoría) de Vaciocero, e un contacontos sobre Rosalía (para a mellor colaxe) a cargo de Raquel Queizás. No caso dos centros de Educación Especial, ambas as dúas actividades estarán adaptadas ás súas necesidades.

O público asistente ao “Día de Rosalía” organizado pola Deputación en Pontevedra recibiu exemplares da camelia Rosalía de Castro e dos libros “A conversa expansiva” (de Álvarez Cáccamo) e “Dicir unha illa” (do seminario de tradución poética da illa de San Simón), da Colección Cíes da editorial da institución provincial. Ademais, tamén se fixo entrega á Fundación Rosalía de Castro, representantes da AELG, á condutora, artistas e centros premiados no concurso “A Nosa Rosalía”, de azulexos artesáns coa silueta e versos de Rosalía de Castro procedentes dunha serie limitada elaborada por Lucía Ares da firma ‘Coas Mans Artesanía’ (Silleda).

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.