A Deputación de Pontevedra e FANPA presentan a IX edición do Certame de Relato Curto, que aspira a superar o récord de 1.800 traballos

24/03/2023

IX edición do Certame de Relato Curto

A deputada de  Cultura, Victoria Alonso, que participou no acto de presentación do certame xunto a Rogelio Carballo, presidente de FANPA, e Pepe Vázquez, coordinador do certame, agradeceu a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais, por impulsar, un ano máis, “iniciativas que poñen en valor a nosa escrita mediante actividades diferentes” e remarcou que para a Deputación é un pracer colaborar neste concurso, convidando a rapazada a participar.

O presidente de FANPA, Rogelio Carballo agradeceu a colaboración da Administración provincial nesta actividade que “pretende aumentar a estima pola nosa lingua e polo seu uso”. O certame, que estivo pausado pola pandemia, agora retoma a súa actividade, e desde a organización invitan “a todos aqueles/as que participaron na oitava edición a que reenvíen os seus relatos” e se presenten para así poder superar o récord de participación obtido antes da pandemia, cando chegaron a recibirse 1.800 relatos.

Ao certame poden presentarse estudantes de ata o tramo de Bacharelato, ademais de nais, pais e o profesorado. O prazo manterase aberto ata o 10 de abril e as bases poden consultarse na ligazón http://certame.nontedurmas.org.O certame deste ano ten como padriño ao escritor Manuel Lorenzo González e como ilustrador a Manuel Figueiras. Os 120 traballos seleccionados desta edición pasarán a formar parte do volume que editará a editorial Kalandraka.