O Museo organiza dous obradoiros en semana santa para achegar as nenas e nenos de 7 a 12 anos a obras de artistas galegas con mulleres como protagonistas

Terán lugar o martes 4 e o mércores 5 de abril. A inscrición pode facerse en reservas.museo@depo.gal a partir do martes 28 de marzo ás 9 da mañá

27/03/2023

Museo, obradoiros en Semana Santa

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros nos días de vacacións escolares de Semana Santa, dirixidos a rapazada de 7 a 12 anos. Co título ‘De muller a muller’, celebraranse o martes 4 e o mércores 5 de abril de 11.30 a 13 horas. Cada obradoiro conta con 15 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a reservas.museo@depo.gal a partir do martes 28 de marzo ás 9 da mañá.

Nos obradoiros traballaranse conceptos como empoderamento feminino, igualdade de oportunidades e liberdade a partir de dúas obras de arte da colección do Museo: ‘A froiteira’ (1960) de María Antonia Dans e ‘As pitas’ (1880) de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Con cada obra desenvolverase unha actividade diferente. Cada sesión comezará coa visita á obra seleccionada, para que as nenas e nenos participantes coñezan á artista e o que quere achegar coa súa obra.

No caso de María Antonia Dans, incidirase en que tivo que pelexar coa súa familia, que non estaba de acordo con que seguise a súa vocación. Explicarase ademais que as mulleres traballando foron unha constante na súa pintura. Con ese punto de partida, as nenas e nenos empregarán diferentes técnicas para facer unha ilustración arredor dos traballos femininos.

No cadro de Carmen Babiano ‘As pitas’ preséntase a unha nenas dándolle de comer ás galiñas. Isto aproveitarase para xogar a ‘Eu son e podo’, un xogo que busca que as nenas e nenos reflexionen sobre os roles de xénero. Ademais, farán manualidades relacionadas con mensaxes de igualdade.

Galerias de imaxes