Continúan as felicitacións dende Polonia ao Museo de Pontevedra e á Deputación pola restitución dos cadros espoliados polos nazis

A presidenta da comuna polaca de Sluchy Dab, Henryka Król, insta a aumentar a colaboración entre os museos de ambos países

23/03/2023

Viaxe a Polonia

As felicitacións ao Museo de Pontevedra e á Deputación de Pontevedra pola restitución ao Goberno polaco do díptico de Dieric Bouts espoliado polos nazis non deixan de chegar. A última en congratularse da devolución foi a presidenta da localidade de Sluchy Dab, Henryka Król, responsable dunha comuna ao norte de Polonia, quen quixo transmitir directamente ao Museo as súas palabras de agradecemento.

A través dun correo electrónico persoal, a responsable da comuna di “en nome de todos os polacos, gustaríame darlle as grazas por devolver a pintura de Dieric Bouts” e pon sobre a mesa o seu desexo de levar adiante unha maior colaboración institucional, tal como xa manifestaran e se comprometeran os directores do Museo de Pontevedra e o Museo de Poznan.

“Conto cunha maior cooperación entre o seu museo –dille no correo electrónico ao director pontevedrés- e os museos polacos, talvez unha exposición conxunta ou unha exposición dun artista español en Polonia, e unha exposición dun artista polaco no seu museo (os artistas polacos inclúen a Tamara Łempicka, Roman Opałka e Magdalena Abakanowicz)”, afirmou.

Dende o goberno e o Museo provincial agradeceron o correo da dirixente política e manifestaron novamente a boa disposición a tender pontes de cooperación internacional máis alá da devolución do díptico de Dieric Bouts, tanto no relativo a  seguir investigando de maneira conxunta sobre o percorrido –agora descoñecido- dende o espolio ata a súa aparición en Pontevedra dos cadros, como a posibles exposicións conxuntas ou a cesións de fondos para mostras específicas entre as diferentes pinacotecas.

A carta dixital de agradecemento de Henryka Król chega despois da cerimonia de restitución oficial celebrada en Goluchow o pasado venres 17 de marzo. Entón, de maneira persoal e directa –incluso con fortes apertas-, o ministro de Cultura e Patrimonio Nacional Piort Glinski, xunto coa ministra de Familia e o director do Museo de Poznan, entre outras autoridades, se amosaron moi “conmovidos” polo xesto de boa vontade e a dilixencia do Museo de Pontevedra para devolver os cadros de Bouts ao saber que tiveran orixe no espolio.

No seu discurso institucional o vicepresidente provincial e responsable político do Museo César Mosquera explicou en Goluchow que os motivos da restitución do díptico foron a “xustiza histórica” e a “coherencia política”. Segundo argumentou, dado que a institución provincial está a traballar na restitución da memoria histórica na Galiza, tamén debe colaborar na restitución da memoria histórica doutras nacións. Así mesmo, fixo fincapé en que “non estariamos tranquilos sabendo que vivimos con arte que ten como o orixe o espolio nazi”. “Foi unha decisión fácil, clara, nítida da que estamos orgullosísimos e que volveriamos repetir”, subliñou.

O díptico do Ecce Homo e a Mater Dolorosa da escola de Dieric Bouts colgan xa de maneira definitiva no Castelo de Goluchow, onde en breve poderán ser visitados polo público xeral, tal como quería a súa propietaria en orixe, a familia Czartoryski.