A Deputación culmina o seu modelo de transformación das estradas provinciais cun Plan Estratéxico aliñado coa Axenda 2030

César Mosquera: “Trátase de facer máis e de facer mellor, e de ser exemplares: que cando se faga unha actuación contente a todo o mundo”

23/08/2022

Plan Estratéxico Estradas Pontevedra

A Deputación de Pontevedra dá un paso adiante na transformación da rede provincial de estradas coa presentación do Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030, documento director no que asume o compromiso político e técnico de afondar no modelo provincial, que xa é unha referencia internacional, no marco da Axenda 2030 da ONU. O Plan Estratéxico, que foi presentado hoxe polo presidente en funcións, César Mosquera, e o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, identifica 28 liñas de actuación e asume o reto de completalo traballo iniciado en 2015 no horizonte dos próximos 8 anos.

O Plan Estratéxico asume o compromiso do mantemento dun financiamento estable para completar a transformación de toda a rede provincial (1.625 Km repartidos en 368 estradas, o que supón unha lonxitude semellante aos 1.801 Km que suman as redes autonómica e estatal na provincia). Gregorio Agís concretou que a Deputación inviste actualmente 18 millóns de euros nas súas infraestruturas de comunicación "e con este Plan comprometémonos a un gasto mínimo anual dese mesmo importe nos próximos oito anos”. Mosquera debullou que nese importe anual inclúense tódalas obras, mesmo os pintados, sinalizacións, rozas e pavimentos, que serán universais e sistemáticos. Tamén salientou que nas actuacións de mellora e urbanización (que se realizan en convenio cos concellos) hai unhas condicións moi claras: acordos nos que os gobernos locais deben achegar entre un 20% e un 30% do financiamento xunto cos terreos. “Non hai unha obra que se propoña, na que o concello cumpra, e que estea parada pola nosa parte. Se está todo, para adiante!”, sentenciou.

César Mosquera asegurou que o Plan Estratéxico de Infraestruturas incrementará a visión da Administración provincial como un referente internacional no eido da mobilidade. “É moi difícil acadar unha posición de referencia, que é o que pretendemos consolidar con este Plan Estratéxico que sistematiza e dá perspectivas de futuro cos criterios que se viñeron traballando ata o de agora. Trátase de facer máis e de facer mellor, e de ser exemplares: que cando se faga unha actuación deixe contento/a a todo o mundo”, subliñou.  “Dende hai sete anos”, engadiu César Mosquera, “ao implantar o seu modelo de mobilidade, a Deputación é exemplo de como “poñendo cabeciña” se pode “pegar un salto e avanzar na materia”. Neste sentido destacou que a de Pontevedra foi a primeira deputación no Estado que puxo redutores de velocidade no 2005, sendo pioneira á forza pola alta cifra de sinistralidade que existía daquela. Despois, lembrou que en 2013 aprobouse por unha iniciativa persoal  súa a ordenanza provincial que reconvertía as vías e o enfoque que se tiña das estradas provinciais.  Xa no 2016, continuou, aprobouse o Decálogo de actuacións nas vías provinciais con criterios moi ben definidos que poñían ás persoas no centro das actuacións, chegando a obras modélicas como a primeira que se rematou seguindo eses parámetros, Luís Rocafort en Sanxenxo. Logo chegou a Guía de mobilidade amable que está a servir de referencia tamén non só para uso en vías provinciais, senón tamén para uso dos concellos.

“A Deputación, tamén nisto, asume a obriga de seren exemplo”

Gregorio Agís subliñou que o xeito de entender e atender as estradas provinciais ten mudado radicalmente dende 2015 e todo o traballo feito a pé de obra e no plano normativo culmina con este Plan Estratéxico. “Hoxe é un día moi importante para nós porque podemos dicir que, estando orgullosos/as da nosa traxectoria, asumimos un compromiso de futuro e de primeiro nivel para que a Deputación siga a ser previsible en materia de Infraestruturas, sen ocorrencias, nin predileccións. Quilómetro a quilómetro, e pasen por onde pasen, as estradas provinciais seguirán recibindo a mesma atención, porque a seguridade viaria non entende de predileccións en función da cor política das Alcaldías. A Deputación, tamén nisto, asume a obriga de seren exemplo”.

O deputado de Infraestruturas subliñou que o Plan Estratéxico está baseado nos principios de transparencia (regras claras no deseño e na relación cos concellos), solidariedade interterritorial (obras en toda a provincia concibindo a rede provincial como un todo), inclusión (atención preferente aos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas, transporte público e, finalmente, vehículo privado), visión de xénero (integración da perspectiva de xénero para garantir un dereito equitativo ao espazo públic0), sustentabilidade (redución da pegada de carbono e adaptación dos proxectos ao medio natural e ás contornas patrimoniais) e futuro (orientación dos proxectos a conceptos e solucións innovadoras para garantir a sostibilidade e camiñar cara aos cambios tecnolóxicos). Todo elo para que as estradas provinciais contribúan tamén a mellorar a calidade de vida e se reforcen como un modelo de convivencia aliñado coa Axenda Urbana e a Axenda 2030.

Gregorio Agís destacou que entre os obxectivos figura, de xeito destacado, a loita contra a despoboación, atendendo cos mesmos criterios as 368 estradas provinciais que vertebran a provincia, incluíndo aquelas que teñan intensidades medias diarias moi baixas “para que ninguén quede atrás”. “Este Plan Estratéxico non entende as estradas provinciais como vías que comunican o punto A co punto B, senón como un continuo  edificado, con xente vivindo ás beiras, onde hai patrimonio histórico-artístico e tamén espazos de interese natural”. Un documento, engadiu, redactado a partir da dispersión xeográfica de Galicia.

Finalmente, aludiu ao estudo estatístico sobre sinistralidade incluído neste Plan Estratéxica que demostra unha redución sistemática no número de accidentes ao longo dos últimos anos gracias ás actuacións de seguridade viaria realizadas “e que queremos seguir reducindo”.

Galerias de imaxes

audios