Análise ao milímetro do convento de Santa Clara

O Museo tivo que crear un calendario de visitas programadas para que as equipas das firmas finalistas do concurso para a rehabilitación estuden o recinto relixioso de maneira individualizada

08/04/2023

Santa Clara

Que o conxunto arquitectónico de Santa Clara é un dos máis analizados da cidade nos últimos tempos é unha realidade. Só no último ano fixéronse os máis exhaustivos informes de estudos arqueolóxicos, histórico-artísticos, de paramentos e construcións, xeotécnicos, ou de patoloxías sobre a construción, entre outros. Pero aínda con toda esa información na man, as firmas de arquitectura finalistas para rehabilitar o convento queren máis datos. E queren telos en primeira persoa e da súa propia equipa. É por iso, que ademais de dispoñer de toda a documentación histórica e técnica xa rexistrada están a realizar visitas en persoa ás antigas instalacións das clarisas.

Representantes dos cinco estudos que aspiran  a facer as obras (Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) xa visitaran de maneira conxunta a principio do mes pasado as instalacións do convento nunha sesión na que recibiron unha charla explicativa por parte do director do Museo e puideron percorrer en grupo as instalacións.

A maiores diso están a solicitar e a realizar inspeccións particulares e individualizadas para poder ‘perderse’ todo o tempo que precisan coas súas equipas de técnicas especializadas e analizar ao milímetro todos os aspectos que consideran importantes co fin de propoñer unha idea orixinal e propia, diferenciada da competencia.

Nas últimas semanas, de feito, o Museo viuse na obriga de realizar un calendario de visitas organizado para que cada un dos estudos puidera ter a liberdade precisa para pesquisar sobre o terreo, captando información específica e valorando posibilidades de levar ideas á practica ‘in situ’. Nesta semana realizáronse varios ‘recoñecementos’ e para a seguinte tamén están axendados outros varios.

O principal reto que deben afrontar os estudos finalistas para a rehabilitación de Santa Clara é como intervir nun edificio de importante valor histórico para transformalo nun Museo dotado das instalacións e espazos que require unha instalación museística contemporánea, amosando o seu carácter relixioso, pero dende os ollos do século XXI.

A pesares da liberdade creativa, dende a dirección do Museo fíxose unha proposta de como organizar os espazos, plantexando que o edificio Este do convento sexa o centro arqueolóxico para a xestión da colección arqueolóxica, e que o edificio Oeste e o barroco teñan usos expositivos, creando tamén nese ámbito unha construción nova que funcione como  recepción e acollida de persoas visitantes.

Ante isto, cada unha das firmas propoñerá diferentes ideas sobre como consolidar elementos orixinais, recuperando volumes ou eliminando estruturas e elementos construtivos engadidos; como facer as comunicacións para reordenar circulacións; ou construír ampliacións en forma de pavillóns ou espazos, todo iso con diálogos particulares entre formas e materiais contemporáneos coa arquitectura do pasado.

Será a finais de maio cando o xurado deberá escoller a mellor proposta. Segundo manifestou o vicepresidente  César Mosquera o obxectivo é que o conxunto de Santa Clara se integre no tecido urbano abríndose á cidade e se converta no “estandarte do Museo de Pontevedra”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.