A Deputación celebra este venres no Museo de Pontevedra unha xornada para analizar o papel dos museos na conservación e difusión de arquivos fotográficos
A xornada contará con conferencias de representantes do Museo do Prado, o do Romanticismo, o do Pobo Galego, o do Pueblu d’Asturies e o Etnolóxico de Ribadavia
23/03/2026
A Deputación celebra no Museo de Pontevedra este venres 27 de marzo a xornada ‘Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos’, co obxectivo de repensar o lugar da fotografía nas institucións museísticas e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que estas entidades preservan e transmiten. A xornada desenvolverase de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h e é de acceso libre. As persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal recibirán un certificado de asistencia.
Abrirá a xornada a conferencia de Beatriz Sánchez Torija, responsable da fotografía histórica no Museo Nacional do Prado, que falará do papel da fotografía nesta institución, e do paso de documento de arquivo a peza de colección. Tras ela intervirán Carolina Miguel Arroyo, directora do Museo Nacional do Romanticismo, que explicará o rol da fotografía neste museo, onde é a parte máis extensa da súa colección.
Carolina Pelaz Soto, da fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies, explicará a consolidación do arquivo fotográfico deste centro de referencia ao longo de máis de tres décadas de traballo de conservación, documentación e dixitalización, así como de difusión do patrimonio fotográfico. A xornada matinal vaina pechar Belén Sáenz-Chas Díaz do Museo do Pobo Galego, que abordará o proceso de conformación e desenvolvemento do arquivo fotográfico do museo, atendendo aos criterios de incorporación, organización e conservación dos seus fondos. A sesión de mañá pecharase cunha mesa de debate entre as participantes.
Na sesión de tarde intervirá María Pilar Núñez Sánchez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que centra a súa actividade no inventario e na catalogación de amplas coleccións de fotografía e na súa dixitalización e posta á disposición da cidadanía. Finalmente intervirán as conservadoras do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra. Cristina Echave Durán fará un percorrido pola evolución do arquivo desde a súa xestación en 1927, mentres que Reis Camiña Castro centrará a súa intervención no fondo fotográfico do século XIX custodiado no Museo. A xornada pecharase cunha nova mesa de debate.
A xornada nace co obxectivo de propiciar un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel fundamental que desempeñan os arquivos fotográficos nas institucións museísticas. Tradicionalmente situados nun segundo plano fronte ás coleccións expostas, estes arquivos constitúen un patrimonio documental e visual de enorme valor histórico, artístico e científico. Está dirixida a persoal de museos que custodian arquivos fotográficos, das áreas de conservación, documentación, arquivo, restauración e investigación.
Este encontro aspira a xerar un intercambio de enfoques profesionais, proxectos e boas prácticas, así como a identificar os principais retos actuais e futuros dos arquivos fotográficos no contexto museístico. En definitiva, proponse repensar o lugar destas imaxes en reserva e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que os museos preservan e transmiten.
A xornada está vinculada á exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que se pode visitar no Museo de Pontevedra ata o 5 de abril. Arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e mobiliario compoñen esta gran mostra que celebra o traballo dos pioneiros da fotografía na cidade, desde o daguerrotipo á revista ilustrada, pasando pola “carte de visite”, a crónica urbana e a fotografía científica e patrimonial.
