A Deputación de Pontevedra ultima os traballos de mellora da estrada do Vao en Vigo

A Xunta de Goberno deu luz verde á ampliación do prazo de execución das obras, cun orzamento de 256.000 euros, por un mes máis dos catro previstos ao inicio

18/08/2023

Xeira en Carboeiro

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á ampliación do prazo para executar as obras que a institución provincial está a realizar na estrada do Vao (EP-2003), en Vigo. O vicepresidente da institución provincial, Rafa Domínguez, informou de que “esta actuación é de vital importancia para este goberno, xa que nos preocupa moito o mantemento en óptimas condicións das nosas infraestruturas viarias”. Na actualidade, os traballos están moi avanzados e coa aprobación da ampliación do prazo de execución estarán rematados en cinco meses, un mes máis dos catro previstos ao comezo.

As obras de mellora das interseccións e de acondicionamento na contorna da estrada do Vao suporán a transformación integral desta infraestrutura provincial en termos de sostibilidade e seguridade. A Deputación achega 256.000 euros para a actuación, que afecta o total do trazado da vía, de 1,6 km de lonxitude. En concreto, as obras consistirán na mellora da accesibilidade peonil e da seguridade viaria da estrada. Redistribúese o espazo para garantir a prioridade peonil, mellórase o pavimento das beirarrúas, adecúanse as interseccións con outras vías mediante pavimento táctil e tamén as interseccións con elementos singulares, coma a fonte e o lavadoiro, presentes ao longo do seu trazado. As obras tamén inclúen a creación de novas zonas de descanso, que se dotan de novo mobiliario, e a plantación de árbores de sombra como cereixos en flor ou similares.

Na estrada do Vao tamén se están a executar novos pasos peonís para asegurar a plena continuidade e seguridade na estrada e mellórase a capacidade e accesibilidade do espazo peonil próximo aos servizos da zona (coma a Oficina Municipal do Distrito, os comercios, o Colexio Divino Salvador ou o centro de saúde, entre outros). Do mesmo xeito, renóvanse os rasantes e os pavimentos, execútanse escava transitables, píntanse as columnas de iluminación pública, recúanse os postes, mellórase a regulación dos semáforos e renóvase a sinalización para adaptala á nova ordenación da estrada.

audios