O Modelo Ágora da Deputación chega á formación universitaria nas xornadas da Semana Europea da Mobilidade de Cartagena

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou a filosofía provincial de recuperación de espazo público ante profesorado e alumnado da Escola de Enxeñería Técnica Civil da Universidade Politécnica

21/09/2022

Día Mundial do Alzheimer

O ‘Modelo Ágora’ da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público foi hoxe protagonista das Xornadas da Semana Europea da Mobilidade organizadas pola Universidade Politécnica e o Concello de Cartagena. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole impartiron un seminario sobre ‘O espazo público como dereito’ ante un público especializado formado por profesorado e alumnado da Escola de Enxeñería Técnica Civil, persoal político e técnico municipal e policías locais.

O deputado Uxío Benítez expuxo a filosofía provincial e explicou que a Deputación deu un xiro de 180 graos á concepción da mobilidade na provincia de Pontevedra no cambio de goberno en 2015, pasando a un concepto de infraestrutura entendida como vía para vehículos a outra como espazo público no que as persoas son protagonistas. Subliñou que dende a Deputación se teñen impulsado axudas e asesoramento técnico aos concellos que apostan por recuperalo para a cidadanía e que grazas á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público prevense obter importantes resultados cuantificables de metros cadrados recuperados fronte á mobilidade motorizada.

Neste sentido, destacou que só cos proxectos e obras executados coas subvencións Ágora de 2021 recuperaranse 100.000 metros cadrados de espazo público retirándollo aos vehículos e devolvéndollo ás persoas. Tamén sinalou que nestes momentos está en fase de aplicación a nova ‘Ordenanza Ágora’ da Deputación para dar marco xurídico á recuperación do espazo público na provincia por parte dos concellos.

Entre outras cuestións tamén sinalou  a posta en  marcha da Facultade Ágora, unha aposta formativa iniciada o ano pasado como un laboratorio de I+D+i do espazo público no que de maneira “humilde pero innovadora” se achegaron diferentes visión de como se deben deseñar vilas e cidades para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Dirixida a persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de sentar as bases para dar coñecemento co que transformar os espazos públicos da provincia, a posibilidade de matricularse nos cursos básicos en liña foi acollida con moito interese por parte do público asistente en Cartagena.

Como resumo da conferencia (que durou dende as nove da mañá ata a unha da tarde), o deputado nacionalista destacou que a idea básica que se debe aplicar á hora de tratar un espazo público é que este é un dereito das persoas á mesma altura que a sanidade e a educación.
A participación do deputado de Mobilidade Uxío Benítez como relator nas xornadas de Cartagena é unha das actividades que a Deputación de Pontevedra vai desenvolver nesta Semana Europea da Mobilidade para divulgar o ‘Modelo Ágora’. En concreto,  mañá no Día Mundial sen Coches, outras deputadas e deputados percorrerán diferentes espazos públicos na provincia recuperados para as persoas grazas a axudas e proxectos provinciais.