A Deputación de Cádiz visita Pontevedra para coñecer o ‘modelo Ágora’ de mobilidade e replicalo na provincia andaluza

A delegación gaditana coñecerá ‘in situ’ actuacións executadas con colaboración da Rede Ágora en Poio, Ponte Caldelas, Gondomar, O Rosal e Tomiño

11/01/2023

Visita da delegación da Deputación de Cádiz

O vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez recibiron hoxe unha delegación da Deputación de Cádiz interesada en coñecer ‘in situ’ o modelo Ágora de recuperación de espazos públicos para replicalo na provincia andaluza. Durante a mañá celebrouse un encontro entre persoal técnico de ambas administracións para intercambiar experiencias e mañá xoves haberá visitas a actuacións xa executadas seguindo a filosofía ‘Agora’ -de priorizar as persoas en lugar dos coches- nos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Gondomar, O Rosal e Tomiño.

A delegación gaditana estaba encabezada por Francisco Javier Vidal, vicepresidente segundo e deputado da área de Transición Ecolóxica, quen chegou acompañado pola directora da área María Teresa Fernández, e un responsable técnico que solicitaran a visita a Pontevedra tras coñecer o traballo pontevedrés en diferentes encontros de mobilidade e ao coincidir como as dúas únicas deputacións asociadas á Rede de Cidades que Camiñan.

Segundo explicou Vidal, “estamos encantados de estar en Pontevedra e agardamos xornadas de traballo interesantes e produtivas”. Destacou que a Deputación de Cádiz está a traballar neste mandato impulsando todo o relativo á mobilidade sustentable e “parécenos moi interesante o que se está a facer en Pontevedra”.

“O persoal técnico quería visitar e ver aquí directamente no campo e co persoal da Deputación o que se fixo, e ver de que forma o podemos trasladar á nosa provincia, que é bastante complexa”, explicou o gaditano, que sinalou a súa convicción de que poñer en marcha unha rede de colaboración semellante á Rede Ágora para os concellos menores de 50.000 habitantes pode ser unha fórmula de colaborar no desenvolvemento de accións que melloren todo o referente á mobilidade. Subliñou como “moi interesantes” tamén todas as accións divulgativas que se teñen levado adiante neste tempo por parte da Deputación Pontevedra, nomeadamente a Facultade Ágora, que permitiu a formación de persoal técnico e político en materia de mobilidade sustentable e recuperación de espazo público.

Visitas a concellos referencia

Para o deputado Uxío Benítez a reunión de hoxe coa delegación de Cádiz foi “un intercambio de experiencias para coñecer tamén o que están a desenvolver na provincia andaluza, das súas experiencias, para aprender uns dos outros”. Explicou que no programa de actividades haberá visitas a campo no día de mañá nas que se amosarán xa rematadas moitas das transformacións de diferentes puntos da provincia que se desenvolveron ben co impulso de Ágora ou co apoio do programa Ágora. “Hoxe xa son exemplos de actuacións nos diferentes concellos en vilas de distinto tamaño, poboación e características”, dixo.

Ao longo de mañá xoves faranse ‘paradas’ nos concellos de Poio, para coñecer as obras realizadas en Campelo; no concello de Ponte Caldelas para ver a transformación da praza de España; no Concello de Gondomar para comprobar o cambio na praza Rosalía de Castro; no Rosal para coñecer o cambio na praza do Calvario; e en Tomiño para ver a actuación realizada en Goián.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera declarouse un “namorado” de Cádiz e asegurou coñecer a importante transformación da provincia andaluza a nivel infraestruturas “que foi moi potente, incluso espectacular”. “Viuse como foron cambiando de ter coches en todos lados a facer actuacións francamente interesantes. Hai que aprender e ver de todos lados”, destacou.

De feito, o nacionalista recalcou que “todos estamos afeitos a que todo veña de Madrid ou Barcelona, de Valencia, Bilbao ou onde sexa, que pode ser que mediaticamente teñan máis transcendencia, pero na práctica igual estamos a desenvolver experiencias máis avanzadas e máis interesantes tanto en Cádiz como en Pontevedra”.

Galerias de imaxes

audios