A Deputación de Pontevedra abre o prazo para solicitar as axudas ás escolas de música xestionadas por entidades sen ánimo de lucro

A institución provincial destina 90.000 euros para que as asociacións poidan sufragar gastos coma o persoal ou a reparación e conservación dos seus locais e instrumentos

22/08/2023

Tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as asociacións e entidades que xestionan escolas de música na provincia xa poden solicitar as achegas coas que a Deputación de Pontevedra apoia a difusión da cultura e o fomento da música desde estes centros. A institución provincial destina un orzamento total de 90.000 euros a estas axudas, que se conceden por concorrencia competitiva, e teñen en conta cuestións coma o número de alumnas e alumnos e docentes, o orzamento de gastos da escola e as especialidades impartidas.

O prazo para que as entidades sociais soliciten estas achegas abre este martes 22 de agosto e pecha o próximo 29 de setembro. Con elas, os colectivos poderán financiar gastos de persoal, de material de oficina, de subministracións, de reparación e conservación dos seus locais, de reparación de instrumentos, de primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría, así como gastos de prevención de riscos ou de recoñecemento médico.

Poderán solicitar estas axudas as entidades titulares das escolas de música que dependen de asociacións sen ánimo de lucro e teñan entre os seus obxectivos a formación musical, que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e con domicilio fiscal na provincia de Pontevedra. As peticións deberán presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na Sede electrónica da Deputación.