A Deputación mantén os consellos fronte ao mildio e advirte da detección dos primeiros síntomas de oídio

O persoal de Areeiro recomenda no aviso fitosanitario semanal a incorporación de tratamentos contra o oídio, no que cómpre seguir mantendo unha vixilancia de nivel alto, e contra o black rot

17/05/2025

Aviso fitosanitario

A Deputación de Pontevedra, no novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, alerta de que as previsións meteorolóxicas levan a manter os mesmos consellos achegados nas últimas semanas fronte ao mildio nas viñas: manter un nivel alto de vixilancia, especialmente se as temperaturas nocturnas se manteñen elevadas e con humidade. Este consello é de especial relevancia nos seguintes casos: se pasou tempo desde a última intervención, se o predio é especialmente sensible a el, e tamén se xa houbo ataques significativos anteriormente.

Nas visitas mantidas estes días, o estado sanitario observado foi en termos xerais bo ou moi bo, sen moitas capturas de esporanxios. A incerteza meteorolóxica fai que as persoas estean moi alerta, e iso unido ás temperaturas frescas (malia a humidade relativa moi alta e as chuvias) contribuíu a conter o seu desenvolvemento. De ter que renovar a intervención, Areeiro lembra que cómpre seguir empregando funxicidas con acción curativa e preferiblemente antiesporulante, atendendo as boas prácticas para que o cultivo quede protexido e o produto non escape das zonas a tratar.

No relativo a outros patóxenos e enfermidades, esta semana atopáronse os primeiros síntomas de oídio nunha folla de variedade tinta sensible, polo que se recomenda engadir produtos antioídio ás potenciais intervencións que se realicen contra o mildio. En canto á botrite, as condicións non foron favorables ao fungo e non se observaron síntomas, pero se aumentan as temperaturas (como está previsto) cómpre seguir pendentes, xa que segue habendo follas con roturas por vento ou sarabia e pampos rachados polo vento. No que si se observou un crecemento notorio é nos síntomas de presenza de black rot, focalizados no Condado, que veñen de infeccións anteriores. Polo tanto, cómpre empregar funxicidas tamén rexistrados para controlar este patóxeno ao intervir contra o mildio ou o oídio.

O aviso fitosanitario tamén inclúe consellos para a maceira e a pereira. Advírtese de que se detectaron as primeiras colonias de pulgón cincento nun par de brotes dunha planta, recomendando a eliminación manual dos primeiros brotes afectados para evitar ter que realizar intervencións. Tamén lembra que, para controlar a avelaíña, as trampas de feromonas son unha ferramenta económica para posicionar os posibles tratamentos fronte ao insecto nos momentos máis axeitados.