A Deputación mantén os consellos fronte ao mildio e recomenda aumentar a vixilancia do oídio e da botrite

Detectouse evolución dalgunhas das primeira ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da enfermidade de corentena flavescencia dourada, polo que se aconsella aplicar o primeiro tratamento catro semanas despois da súa detección

07/06/2025

Acio con fructificación de mildio

A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella seguir combinando o uso de produtos funxicidas coas labores culturais de roza nun momento decisivo para a futura colleita da uva, posto que os grans dos acios que se acaban de formar son moi sensibles ao mildio, e incrementar a vixilancia fronte ao oídio e a botrite. Tamén advirte da evolución dalgunha das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da enfermidade de corentena flavescencia dourada, polo que  lembra que o primeiro tratamento debe aplicarse ás catro semanas da súa detección.

Ante as previsións meteorolóxicas dos próximos días, que sinalan certa posibilidade de precipitacións e altas temperaturas, Areeiro recomenda estar alerta e completar o tratamento contra o mildio con traballos de roza. Naqueles predios onde xa houbo ou hai focos de infección activos, tamén aconsella o despunte das ramas e unha esfolla lixeira para favorecer a aireación e a penetración do caldo fitosanitario no dosel da viña. No que respecta ao oídio, pese a non atoparse síntomas, o centro dependente da Deputación aconsella aumentar a vixilancia debido ás néboas e á humidade. Tampouco se detectaron síntomas de botrite, pero cómpre vixiar os acios cuxos capuchóns florais non están desprendidos ou en viñas nas que os ventos do norte romperan pampos.

No relativo ao black rot, non existe unha maior incidencia da enfermidade nas viñas, pero poderíanse manifestar tanto anteriores como novas infeccións debido ás precipitacións e ao aumento da temperatura, polo que tamén é recomendable manter a vixilancia. Sobre as avelaíñas do acio, observáronse os primeiros glomérulos, malia non haber capturas de machos nas trampas.

O aviso fitosanitario tamén inclúe observacións sobre o buxo e o castiñeiro, xa que esta semana capturáronse os dous primeiros machos da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) e de Tortrícido temperá Pammene fasciana na finca de Areeiro.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.