Rafa Domínguez asistiu á presentación do Campionato de España de Seleccións Autonómicas en idade escolar

25/10/2023

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu no Concello de Pontevedra á presentación do Campionato de España de Seleccións Autonómicas en idade escolar que terá lugar esta fin de semana no Centro Deportivo David Cal de Verducido, organizado pola Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo.

O vicepresidente convidou a veciñanza a asistir para “animar e apoiar o equipo galego, a eses 70 rapaces de Cadete e Infantil que nos representan”, e asegurou que “con todas as boas novas que nos está dando o noso deporte ultimamente, estou máis que seguro de que acadarán unha moi boa posición”. “Ademais”, engadiu, “a provincia de Pontevedra é o fogar do piragüismo e, xa que logo, que se celebre nesta cidade ten que ser si ou si un sinal”.

O vicepresidente provincial lembrou que o deporte é unha gran prioridade do goberno da Deputación, “imos apoialo moito, desde a base ata a elite, para garantir a súa prosperidade. Faremos grandes esforzos para que nesta provincia haxa infraestrutura, tanto de equipamentos como de persoal, para que todo o mundo que queira competir, sexa a nivel afeccionado ou ao máis alto na escala profesional, poida facelo”.