Carmela Silva subliña o traballo e colaboración conxuntos entre a Deputación e o GRS-7 da Garda Civil en Pontevedra

A presidenta provincial destacou a traxectoria do comandante Leovigildo Villares na recepción brindada no Pazo Provincial ao novo responsable da unidade

09/01/2023

Recepción Comandante Leovigildo Villares

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou hoxe a máxima disposición da institución provincial para “traballar conxuntamente” co GRS-7 da Garda Civil de Pontevedra na recepción que ofreceu no Pazo Provincial ao seu novo responsable, o comandante Leovigildo Villares. Carmela Silva destacou a “enorme traxectoria” do novo mando e ofreceu a colaboración do Goberno da provincia coa citada unidade.

“Temos cuestións –anunciou a presidenta provincial- que imos ir traballando conxuntamente e seguramente haberá moitas ocasións nas que teñamos que compartir decisións. Eu agradezo esta visita do comandante e reitero que conta coa colaboración desta Deputación para todo aquelo que considere necesario. Para min é un honor recibir aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que amais nesta provincia son moi valorados, queridos e respectados”.

Carmela Silva louvou a traxectoria de Villares, especialmente nos seus anteriores cargos en materia de Tráfico, “que para esta Administración provincial é un eixo de acción prioritario, a fin de dar seguridade ás persoas e ter infraestruturas viarias que se correspondan co século XXI”, e desexoulle un gran labor ao fronte do GRS-7, “unha responsabilidade tan diferente, pero atractiva e necesaria”. Durante a recepción, a presidenta agasallou a Villares con varios libros relacionados coa historia da provincia, outro sobre mosteiros das Rías Baixas, un conxunto de postais e xabón e aceite de camelia.

Pola súa banda, o comandante agradeceu a benvida e a disposición de colaboración da presidenta e a Deputación “en todo tipo de materias” e aproveitou a ocasión para invitar a Carmela Silva a visitar as instalacións da unidade en Castrosenín (na parroquia pontevedresa de Mourente), “para que poida ver as nosas capacidades e no que podemos ser de utilidade”.

Galerias de imagenes

videos

audios