A Deputación destina 300.000 €, 25.000 € máis que no 2025, ao programa +Convivencia
Luis López explicou que se trata “dunha iniciativa centrada na creación de espazos de participación e intercambio de experiencias, así como na divulgación do patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia”
23/01/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases reguladoras do programa +Convivencia para o 2026, dotado con 300.000 €, 25.000 € máis que o pasado ano. O presidente provincial, Luis López, explicou que se trata “dunha iniciativa centrada na creación de espazos de participación e intercambio de experiencias, así como de divulgación do patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia da que o pasado ano gozaron 229 entidades”.
+Convivencia está dirixida a entidades de iniciativa social da provincia e ANPAS ás que destinará, tal e como detallou López, un máximo de 1.200 euros para que financien gastos derivados da realización dalgunha das actividades enmarcadas no catálogo do programa dispoñible na web da Deputación. En liñas xerais, trátanse de visitas relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa, popular, etnográfica e náutica, ata excursións a museos, centros de interpretación, salas de exposición, percorridos relacionados co Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, con festas ou, entre outros, con espazos naturais.
Cos recursos provinciais, as entidades beneficiarias poderán xestionar e deseñar con autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido próximo e estimulando a economía local. Ademais, serán gastos subvencionables as entradas, os medios de transporte, as axencias de viaxes, guías oficiais, seguros ou os servizos de restauración e cátering, sempre que as saídas se realicen entre o 1 de abril e o 31 de decembro. O prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse de +Convivencia permanecerá aberto un mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
