Luis López trasládalle á presidenta da FEMP, María José Pelayo, a axenda municipalista da Deputación nunha recepción institucional no castelo de Soutomaior

O presidente provincial agradeceu a vista da presidenta da FEMP nunha xuntanza con membros do Goberno provincial

16/01/2024

Luis lópez coa presidente da FEMP

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladoulle á presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José Pelayo, a axenda municipalista do Goberno provincial nunha recepción institucional que tivo lugar o pasado luns no castelo de Soutomaior. Na recepción institucional, na que participaron membros do Goberno provincial, analizáronse asuntos de interese mutuo para ambas as administracións, coma o reto demográfico ou o investimento municipal.

Durante a cita, os dirixentes afondaron en cuestións coma o financiamento ou as competencias das entidades locais, así como o papel que xogan os gobernos provinciais á hora de asegurar os servizos básicos nos pequenos municipios e de actuar fronte a desafíos coma o reto demográfico ou a axenda urbana. Neste sentido, Luis López subliñou o compromiso da Deputación de Pontevedra para asegurar nos concellos servizos que melloren o benestar da veciñanza, reducir a fenda dixital e apoiar o desenvolvemento económico dos negocios locais.

Como parte dese compromiso, a Deputación puxo en marcha o Plan +Provincia ou o Plan Provincia Comunitaria, proxectos que Luis López lle presentou e detallou a María José Pelayo. O +Provincia é o plan de obras e servizos co orzamento máis alto da historia da Deputación; un total de 48,2 millóns de euros que serán postos á disposición dos concellos da provincia e que, no repartimento de fondos, ten en conta por primeira vez o reto demográfico. Así mesmo, o apoio a colectivos sociais, veciñais e culturais reflíctese no Plan Provincia Comunitaria, dotado cun millón de euros para dinamizar e apoiar o rico e variado tecido asociativo da provincia de Pontevedra; e o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, de 4 millóns, aspira a modernizar estas instalacións en todos os concellos.

López aproveitou o encontro para reivindicar o compromiso compartido coa FEMP á hora de poñer en valor o municipalismo, pois a Administración local é a primeira en detectar as necesidades da poboación e sitúase en primeira liña de resposta para as demandas da cidadanía.

A Deputación na FEMP

A Deputación de Pontevedra é membro da FEMP e, ademais, o presidente forma parte da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da federación e é vicepresidente segundo da Rede de Cidades Saudables, da que forman parte 54 municipios galegos, entre eles a propia Deputación. Do mesmo xeito, o organismo provincial tamén forma parte de Vilas Termais, a rede da FEMP que agrupa 77 entidades locais que contan con augas minerais e termais, das que 26 son galegas e sete, da provincia de Pontevedra.

Galerias de imaxes