A Deputación suma sinerxías en Granada con entidades provinciais e estatais para impulsar na provincia proxectos innovadores en materia de axenda urbana e turismo

A deputada provincial Isabel Couselo e o deputado provincial Javier Tourís acaban de participar na localidade andaluza no II Foro Urbano de España, onde se reuniron coa presidenta da entidade, María José García-Pelayo, que se comprometeu a visitar a provincia antes de que remate o ano

17/10/2023

A Deputación suma sinerxías en Granada

A deputada provincial Isabel Couselo e  o deputado provincial Javier Tourís acaban de participar en Granada no II Foro Urbano de España, onde mantiveron xuntanzas bilaterais con entidades provinciais e estatais para buscar alianzas e sumar sinerxías co obxectivo de impulsar na provincia proxectos innovadores en materia da Axenda Urbana e de Turismo. Entre outros encontros, reuníronse coa presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, que se comprometeu a visitar a provincia antes de que remate o ano, co presidente da Deputación de Granada, Francisco Rodríguez, e coa alcaldesa de Granada, Marifrán Carazo, e intercambiaron experiencias e boas prácticas.

O deputado provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, remarcou que o foro de Granada “serviu para analizar políticas públicas e para avanzar e dar pasos cara a construción dunha provincia de futuro a través de políticas sostibles, realistas e razoables no tempo, que contribúan á xeración de riqueza e emprego e á planificación estratéxica de todos os concellos de Pontevedra”. Deste xeito, durante o encontro abordáronse cuestións coma plans de acción local e gobernanza;  do territorio, deporte e saúde;  de reto demográfico; de dimensión social das cidades e rexeneración urbana; de ferramentas de planificación urbana; de redes de cidades; de arquitectura transformadora; de financiamento do desenvolvemento urbano sostible e integrado; de turismo e patrimonio; de cidades saudables; e de políticas urbanas. “Analizamos boas prácticas e experiencias innovadoras que se desenvolven noutros territorios  –detallou o deputado provincial–  e que agora imos analizar para poder implantar na provincia de Pontevedra”.

Durante o II Foro Urbano de España, Isabel Couselo e Javier Tourís reuníronse con María José García-Pelayo, presidenta da FEMP, que subliñou a vontade de traballar e colaborar coa Deputación para avanzar en temas de interese común e impulsar novas iniciativas conxuntas que contribuirán ao desenvolvemento da provincia. Ademais, na xuntanza con García-Pelayo, tamén se afondou na posta en marcha da Axenda Urbana para a provincia e en diversas formas de planificación de proxectos centrados nos plans de acción local, reto demográfico e turismo para acadar financiación europea.

Tamén mantiveron encontros co presidente da Deputación de Granada, Francisco Rodríguez, e co  deputado de Fondos Europeos, Desenvolvemento, Industria e Emprego, Antonio Díaz Sánchez, así como con técnicas e técnicos de ambas as deputacións para intercambiar experiencias e boas prácticas en diferentes cuestións coma a implantación da Axenda Urbana desde unha perspectiva provincial e orientada aos desafíos de reto demográfico.  A deputada e o deputado  provincial de Pontevedra analizaron cos responsables da Deputación de Granada, cuxa provincia garda similitudes coa de Pontevedra ao presentar zona de costa e de interior, posibles liñas de colaboración relacionadas co turismo intelixente e cos Camiño de Santiago, sobre as que se avanzará nos próximos meses a través da posta en marcha dun protocolo de colaboración entre ambas as institucións. Ademais, Tourís e Couselo presentaron diferentes iniciativas lideradas pola institución provincial sobre as que as persoas responsables da Deputación granadina amosaron o seu interese e a súa vontade de colaborar a través de proxectos conxuntos.

Galerias de imaxes