Luis López e o conselleiro de Emprego, José González, avanzan na ampliación da cobertura territorial das oficinas de apoio ao emprendemento na provincia

A colaboración entre os servizos de apoio ás novas empresas da Deputación e da Xunta de Galicia, os programas Smart Peme e os Polos de Emprendemento respectivamente, permitirán reforzar os servizos e potenciar o uso da tecnoloxía no sector

20/02/2026

Luis López e o conselleiro de Emprego José González

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González, acordan a ampliación dos servizos e do número de oficinas de apoio ao emprendemento na provincia. A colaboración a través dos servizos Smart Peme, da administración provincial; e dos Polos de Emprendemento, da autonómica; permitirán unha cobertura territorial máis ampla, uns servizos máis completos e a extensión da vertente tecnolóxica e de innovación asociada a ambos programas.

Este acordo alcanzouse despois dun encontro de traballo entre o mandatario provincial e o responsable de Emprego do goberno autonómico, no que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.  

Esta nova mostra de colaboración entre Deputación e a Xunta consúmase despois da decisión do goberno que preside Luis López de asegurar a continuidade do programa Smart Peme de apoio ao emprendemento na provincia cunha reestruturación do mapa de oficinas en sintonía co programa da Xunta, ideado para evitar duplicidades coa rede do Goberno galego. Agora, esta política de cooperación, dá un novo paso adiante que frutificará nas vindeiras semanas coa apertura de novas oficinas e un catálogo renovado de servizos e atencións aos emprendedores da provincia.