Luis López destaca o clima de colaboración no encontro institucional co alcalde de Poio para impulsar proxectos conxuntos na vila

O presidente da Deputación e o alcalde de Poio analizaron, entre outras actuacións, a situación da estrada provincial que une A Granxa coa contorna da Seara

09/01/2024

Luis López na exposición coa que a Asociación Cultural Terra de Cardos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de manter a primeira reunión institucional de 2024 co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para avanzar no impulso de proxectos conxuntos na vila. Na xuntanza, que tivo lugar este martes no Pazo provincial da Deputación, os dirixentes repasaron proxectos en común que ambas as administracións están a desenvolver en Poio e avanzaron actuacións de futuro.

No encontro, que durou arredor dunha hora e se desenvolveu nun clima de total colaboración, “abordáronse —tal e como detallou Luis López— temas de sumo interese para o concello de Poio, moi importantes para a provincia, e estase a facer un esforzo considerable para afrontar novos retos e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”. En concreto, os dirixentes afondaron na reforma do Ateneo de Combarro, que ten todos os trámites xa preparados, e na estrada provincial que une A Granxa e A Seara. Neste último caso, analizouse a situación de partida da actuación e o estado do proxecto co obxectivo de darlle a coñecer á veciñanza, con transparencia, o que alí se vai realizar e analizar con eles se é preciso executar algunha modificación.

Nesta primeira reunión institucional de 2024, o presidente provincial asegurou que o ano comeza para a Deputación de Pontevedra co Orzamento en vigor, en funcionamento desde o 1 de xaneiro, e con “medidas de gran calado para os concellos”. Entre elas, Luis López mencionou o Plan de infraestruturas deportivas para executar novos equipamentos ou mellorar as dotacións deportivas dos concellos da provincia, coma Poio. Tamén falou do Plan +Provincia, con 4,2 millóns de euros máis de recursos, que lles dá unha maior autonomía local aos concellos, ao permitirlles definir o destino dos recursos con máis liberdade, e no que se inclúe unha nova liña para proxectos transformadores e, ademais, ten en conta o reto demográfico, do que Poio se beneficia.

Galerias de imaxes