A Deputación de Pontevedra aproba destinar máis de 50.000 € a sete centros especiais de emprego da provincia

Estes recursos, distribuídos en réxime de concorrencia competitiva, permitirán financiar custos de persoal destes centros durante o 2023

06/12/2023

A Deputación de Pontevedra aproba destinar 52.500 euros a sete centros especiais de emprego da provincia de Pontevedra durante o 2023. Estes recursos, distribuídos en réxime de concorrencia competitiva, permitirán financiar custos de persoal das unidades de apoio á actividade destes centros que traballan desde A Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

En concreto, son beneficiarias destas axudas entidades como a Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII e a Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O, de Pontevedra, que contan con 63 traballadores; LUME Emprego para Persoas con Discapacidade Intelectual do Porriño, con 41 persoas traballadoras; o Grupo SIFU Galicia S.L. de Vigo con 38 traballadores; BATA Servicios Integrales a la Comundiad S.L. de Vilagarcía de Arousa, con 25; San Xerome Emiliani S.L., da Guarda, que conta con 17 persoas traballando; e Juan María Empleo S.L. de Nigrán, con 11.

Con estas axudas a Deputación de Pontevedra pretende contribuír á promoción e acceso das persoas con discapacidade ao emprego ordinario e á adopción de medidas favorecedoras da súa autonomía e inclusión. Ademais, as subvencións van en liña co impulso de entidades de economía social centradas na inclusión de colectivos vulnerables que cobren demandas sociais non satisfeitas polo mercado. De feito, os centros especiais de emprego beneficiarios son elementos básicos integradores das persoas con discapacidade, que cumpren unha finalidade social e aseguran un emprego remunerado.