Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha xuntanza coa directiva do Club de Campo de Vigo

03/10/2023

A vicepresidenta primeira e responsable da área de Deportes da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha xuntanza coa directiva do Club de Campo de Vigo de cara ao LXXX Torneo Internacional de Tenis, que terá lugar do 8 ao 15 de outubro.

Fernández-Tapias lembrou que o torneo conta coa axuda da institución provincial e desexou, en alusión aos tres anos de parón por mor da pandemia, “que coa nosa colaboración poidamos abrir un capítulo máis no que dar fe dunha nova etapa da competición. Arrimaremos o ombro sempre para que este torneo siga a ser unha realidade”.

Tamén recordou que “en 80 anos déronse cita aquí grandes nomes como Manolo Santana, Rafa Nadal, Alberto Berasategui ou Feliciano López, e non podiamos privar o mundo do tenis e os seus amantes nesta cidade e nesta provincia, dunha das súas citas máis importantes”. Agradeceu a dedicación, o compromiso e o esforzo da Xunta Directiva do club, que permitirán que vivamos xogadas emocionantes nunha cidade, Vigo, que é berce de grandes tenistas como De la Puente.