Marta Fernández-Tapias participou no porto de Bouzas na clausura da segunda Copa Mörling de Dornas

10/09/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, participou esta tarde no porto de Bouzas na clausura da segunda Copa Mörling de Dornas a Vela trala celebración da última das seis regatas que compoñen a competición. A vicepresidenta gabou a Federación Galega pola Cultura Marítima (Culturmar) pola organización desta copa, á que este ano se sumou a proba de Bouzas grazas á colaboración da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel. Así, Fernández-Tapias destacou o esforzo destas entidades “pola recuperación e divulgación dun símbolo tan noso como é a dorna”. A vicepresidenta primeira subliñou que a Copa Mörling, que conta co apoio da Deputación, “vai máis alá do deportivo e regálannos cultura, historia, arte e saber, axudándonos a lembrar e valorar o noso pasado para garantir que chegue ás futuras xeracións”. A vicepresidenta destacou o referente de Staffan Mörling, a quen se dedica esta competición e cuxa viúva, Josefa, estivo presente no acto. “Se hoxe temos conciencia do que supón conservar este patrimonio é grazas ao seu labor, e estaría moi orgulloso de como esta proba calou entre os amantes das dornas da provincia”, asegurou. Marta Fernández-Tapias reiterou o compromiso da institución provincial con estes eventos, que amosan que “o noso legado histórico pode converterse nun reclamo e nun activo para dinamizar a cultura e a economía”.