“O abrazo” da artista Diana Bama loce xa no pavillón de Príncipe Felipe

O mural, enmarcado no programa da Deputación “Mulleres en Acción, Violencia Zero”, simboliza a sororidade e apoio mutuo entre as mulleres

28/02/2023

Mural Violencia Zero en Principe Felipe

A imaxe dun reconfortante abrazo entre dúas mulleres conforma o mural que a artista Diana Bama vén de pintar nunha das fachadas do Pavillón do Centro Príncipe Felipe, como nova acción artística do programa da Deputación de igualdade e loita contra as violencias machistas “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. “O abrazo”, que así se titula a peza, simboliza deste xeito a sororidade e o apoio mutuo entre as mulleres e foi enxalzada pola presidenta provincial, Carmela Silva, durante a súa visita ao centro, na que puido coñecer os detalles da obra da man da súa creadora.

Carmela Silva incidiu no transcendental papel da cultura e, neste caso, a arte “como axente mobilizador de conciencias e un elemento clave para transformar as sociedades”, especialmente en programas como “Violencia Zero”, onde “visibilizamos ás mulleres da creación que traballan en Galicia e elaboran pezas artísticas como accións para combater a desigualdade e as violencias machistas”. “Elas desde as súas obras –engadiu- amósannos a reivindicación dos nosos dereitos e do noso lugar no mundo”.

A artista protagonista da acción en Príncipe Felipe, Diana Bama é unha creadora multidisciplinar que plasma o seu traballo sobre diferentes soportes e a través de distintas técnicas, e combina o campo da arte urbana, a escultura, o debuxo e o tatuaxe. Converte as paredes e rúas en paisaxes das súas personaxes.  Licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, fixo a Mestría en Artes Visuais pola Universidade Nacional Autónoma de México e en 2014 comezou o proxecto persoal titulado “Ecofeminismo como proxecto de vida”. Para ela existe a necesidade de amosar unha práctica política cotiá do ecofeminismo desde unha visión artística a través  do debuxo como medio de expresión.

A Deputación de Pontevedra está a desenvolver neste 2023 a oitava edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, cuxo lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” coa igualdade e a cultura como arma en prol dunha sociedade máis xusta e contra as violencias machistas. Coa inauguración deste mural, as accións celebráronse xa en Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves e Cangas, e continuarán ao longo do ano nos concellos de Arbo, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

Nos últimos 7 anos e a través do programa impulsáronse máis de 160 accións artísticas.  Nesta oitava edición 35 artistas realizarán outras 25 iniciativas colaborativas e reivindicativas a través das modalidades de performance, danza, música, teatro, muralismo, poesía e audiovisual.

Galerias de imaxes