A Deputación rubrica a súa traxectoria de apoio aos concellos con criterios obxectivos aprobando as 40 grandes obras do Plan Pon2030

Un total de 22 millóns de euros financiarán centros de maiores, escolas infantís, sendas peonís, instalacións deportivas e reformas urbanas en municipios de tódalas cores políticas

23/06/2023

Pleno extraordinario

O plan extraordinario PON2030, “que culmina un período de goberno de 8 anos que cambiou o xeito de entender esta Deputación, repartindo tódolos fondos aos concellos de menos de 50.000 habitantes con criterios obxectivos” quedou resolto no Pleno extraordinario celebrado hoxe. O voceiro do grupo socialista, Carlos Font, anunciou, “con orgullo”, a concesión destes 22 millóns de euros en subvencións a un total de 40 concellos de tódalas cores políticas para impulsar outras tantas grandes obras de equipamentos e dotacións para mellorar os servizos municipais.

Carlos Font destacou que a aprobación das subvencións do PON2030 no Pleno extraordinario de hoxe correspóndese cun “asunto ordinario porque pon fin a un expediente en marcha e xa maduro”. A convocatoria e as bases publicáronse o pasado mes de marzo, o gasto está previsto nos Orzamentos deste ano e os informes dos técnicos provinciais son favorables, destacou. Diante da queixa do PP pola celebración deste Pleno, a presidenta, Carmela Silva, tomou a palabra para subliñar que o Goberno en funcións tan só está rematando “procedementos ordinarios” e cumprindo con “obrigas”, respectando a lei “a raxatabla”, cos informes favorables e co aval da xurisprudencia.  Ademais, recalcou que unha boa parte das resolucións que se están a adoptar estes días en relación aos investimentos refírense a concellos gobernados polo PP, como Lalín, A Estrada, Sanxenxo, Ponteareas, Vilanova, As Neves, Ribadumia e Poio, entre outros. Tamén recordou que a resolución do plan PON2030 foi un acordo unánime dos voceiros/as dos grupos provinciais, polo que ratificalo no Pleno “só é traer o resultado dunha comisión técnica onde non hai ningún representante político”.

Finalmente, Carmela Silva, aproveitou a súa intervención plenaria para anunciar que se convocará ao voceiro do PP para celebrar unha sesión preparatoria do traspaso de poderes diante dos resultados electorais do pasado 28M. “Hai que saber gañar e hai que saber perder e nós estamos facéndoo con moita elegancia”.

O PON2030 quedou así resolto cos  votos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do PP. Un plan no que lograron a achega provincial tódolos municipios cuxos proxectos cumpriron as bases e superaron os 50 puntos na fase de valoración. Foron 17 concellos con alcalde ou alcaldesa do  Partido Popular no momento da convocatoria deste plan no pasado mes de marzo (Lalín, Oia, Valga, A Lama, Dozón, Crecente, Portas, O Porriño, Sanxenxo, Covelo, Pontecesures, A Estrada, Marín, Salvaterra, Arbo, Cerdedo-Cotobade e Rodeiro), 14 do PSdeG-PSOE (Vilaboa, Gondomar, A Guarda, O Grove, Nigrán, A Cañiza, Redondela, Vilagarcía, Baiona, Meis, Fornelos, Illa de Arousa, Tui e Silleda), 5 do BNG (Tomiño, As Neves, Mondariz, Ponteareas e Moaña) e 4 con alcalde ou alcaldesa independente (Meaño, Agolada, Cangas e Ribadumia). “Esta Deputación nunca meteu nun caixón un proxecto dun concello pola súa cor política”, concluíu Font. Entre as obras que, de acordo coas bases, deben executarse de aquí a abril de 2025 figuran, ademais de reformas urbanas, un centro de maiores, un centro sociocultural, unha escola infantil, unha praza de abastos, sendas peonís, tres piscinas e varias instalacións deportivas e reformas de edificios municipais. As obras de aforro enerxético e dúas actuacións para mellorar a xestión dos residuos sólidos urbanos completan as actuacións financiadas.

Carlos Font cualificou como “un éxito maiúsculo” que se tiveran presentado 57 dos 59 concellos aos que estaba dirixida a convocatoria e “un recoñecemento explícito ás oportunidades que esta Deputación deu para sacar adiante a execución de grandes obras de equipamentos e dotacións”. Afirmou tamén que Deputación contribuíu cos seus sucesivos plans extraordinarios, todos adxudicados con criterios obxectivos e transparencia, a que os concellos pequenos e medianos “cambiaran a mentalidade” para ser conscientes da necesidade de traballar con perspectiva para dispor de grandes proxectos á esperar de financiamento e tamén a concorrer ás complexas convocatorias dos fondos europeos. “Moitos dos alcaldes e alcaldesas que concorreron a estes plans da Deputación recoñecen que gracias a eles puideron executar as obras máis grandes e ambiciosas da historia dos seus concellos”.

Un total de 151 actuacións cos cinco plans extraordinarios

O PON2030 é o quinto plan extraordinario convocado pola Deputación nestes dous últimos mandatos, seguindo a estela do PICEI, o plan de Reequilibrio, o Depo Remse e o ReacPon, este último aínda en vigor. En total, explicou Font, fíxose posible a execución de 151 grandes obras de infraestruturas para equipamentos municipais que melloran a vida da xente nos seus concellos. Mobilizáronse un total de 75,5 millóns de euros coa suma destes plans, todos eles adxudicados en concorrencia competitiva. Un inxente esforzo que encheu a provincia de centros de maiores, escolas de música, pavillóns deportivos, pistas de atletismo, piscinas, bibliotecas, espazos culturais e de prazas e rúas deseñadas á medida das persoas.

Font concluíu que este último plan extraordinario da Deputación nesta etapa de goberno supón tamén un cambio de modelo porque impulsa obras ao comezo dun mandato novo mandato municipal e non na recta final superando así a habitual toma de decisións “en clave electoral e electoralista”. Ademais, engadiu, “pon o listón do apoio ao municipalismo moi alto”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.