ReacPon

Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon), un ambicioso plan de investimentos para relanzar a economía da provincia

A Deputación de Pontevedra lanza Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon), o plan de investimento público más ambicioso da historia da institución, dotado cun orzamento de 47,2 millóns de euros. O seu obxectivo é impulsar a economía da provincia xerando actividade e axudando a manter o emprego.

A institución provincial aposta polo investimento público como ferramenta para estimular a actividade económica despois da pandemia da COVID-19. Esta potente inxección de recursos destinada á transformación da provincia de Pontevedra súmaselles aos 168 millóns do orzamento aprobado para 2021. Esta mobilización de fondos sen precedentes na historia da Deputación pretende incidir na recuperación da economía pontevedresa de xeito inmediato e directo.

O novo plan ReacPon contará con dúas liñas de actuación. A primeira vai dirixida aos concellos e estará dotada con 20 millóns de euros, que se repartirán por concorrencia competitiva. O segundo bloque de diñeiro será xestionado directamente pola Deputación. Serán 27,2 millóns de euros financiados con remanentes e cun nivel de débeda asumible.

Dotarase os concellos de máis equipamentos sostibles, avanzarase na aplicación dos principios e obxectivos da Axenda 2030 no territorio, favorecerase a accesibilidade a espazos e infraestruturas locais, aproveitarase para loitar contra o despoboamento e propiciaranse proxectos encamiñados a favorecer a conectividade e a dixitalización do conxunto de Pontevedra.

En canto aos fondos de xestión directa, a Deputación de Pontevedra buscará a transformación dos servizos e dotacións da institución para a modernización, sostibilidade, dixitalización e restauración ambiental da provincia.

O plan, centrado nos concellos de menos de 50.000 habitantes, farase como sempre por concorrencia competitiva, con bases e criterios obxectivos, e estará aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos.

Buscarase garantir dereitos e servizos nas áreas de coidados de menores, cultura, deporte e dinamización social; despoboamento; a sostibilidade a través da eficiencia enerxética, o saneamento e servizos e instalacións públicas; apostar pola conectividade e a dixitalización e pola accesibilidade aos equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural.

Os investimentos centraranse en tres liñas:

  • Rehabilitación de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, turístico e de lecer, de infancia e mocidade, de atención a vítimas de violencia de xénero, de interese patrimonial e os destinados a uso institucional e administrativo
  • Construción de novos equipamentos e dotacións, edificios ou instalacións sostibles e intelixentes, ademais de novas actuacións sostibles para asegurar os servizos que impulsen a cohesión territorial
  • Recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos para darlles un uso plural, amable, e fomentar a estancia e as mobilidades alternativas

Os proxectos concretos que poñerá en marcha a Deputación de Pontevedra inclúen:

  • Restauración ambiental da Xunqueira de Alba (3,1 millóns de €)
  • Melloras nas estradas provinciais (2 millóns de €)
  • Convenios con entidades locais para estas estradas (3,42 millóns de €)
  • Convenios de cooperación cos municipios (3,7 millóns de €)
  • Reinvestimentos de recursos (4,4 millóns de €)
  • Accións no Museo de Pontevedra (4,4 millóns de €)
  • Plan Revitaliza (2,3 millóns de €)
  • Dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo provincial (600.000 €)
  • Mellora enerxética do CEIP Daría González (1,145 millóns de €)
  • Mellora das edificacións do CIPF (máis de 300.000 €)
  • Novos servizos GES en Redondela, Mos, A Lama e A Cañiza (preto de 340.000 €)
  • Cuberta da Escola de Cantería (380.000 €)
  • Melloras na Finca Mouriscade (137.000 €)
  • Investimentos, estudos e traballos en infraestruturas transfronteirizas (150.000 €)
  • Mellora do parque móbil (133.000 €)
  • Accións medioambientais de loita contra os plásticos (117.000 €)
  • Material para a implantación do teletraballo (173.000 €)
  • Facultade Ágora (100.000 €)
  • Mellora de espazos turísticos (100.000 €)
  • Proxectos para a promoción da lingua e o patrimonio (50.000 €)
  • Aposta polo cinema como elemento dinamizador do turismo (30.000 €)
  • Novas accións formativas en materia de emprego (40.000 €)
  • Aposta polos colectivos deportivos de categoría nacional (75.000 €)
  • Campañas de igualdade (60.000 €)
  • Colaboracións con ONG (45.000 €)