A vicepresidenta Luisa Sánchez participa en Salvaterra de Miño na presentación do XXI Rallye Sur do Condado
08/07/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na Casa do Conde de Salvaterra de Miño na presentación da XXI edición do Rallye Sur do Condado organizado pola Escudería Surco co apoio da institución provincial. A proba, que se realizará entre os próximos 11 e 13 de xullo, reunirá máis de 100 pilotos que discorrerán por Salvaterra e concellos do sur como Arbo, Covelo, Mondariz, Mos, Ponteareas e Salceda de Caselas. A vicepresidenta provincial sinalou que "un dos nosos obxectivos na Deputación é facer que esta sexa a provincia do deporte, acompañando todo o sector para poñer as mans no volante, todos a unha, e empurrar cara á mesma dirección".
Luisa Sánchez lembrou que no Rallye Sur do Condado competirá Roi Rodríguez, natural de Pazos de Borbén, como gañador da segunda edición do programa +Talento motor, que o leva a poder participar nesta e nas outras catro probas que compoñen a Dacia Sandero Eco Cup do Campionato Galego de Rallys cun coche patrocinado pola Deputación. "Queremos impulsar o automobilismo na provincia e este programa xa naceu sendo un enorme éxito", salientou a vicepresidenta, que tamén puxo en valor os 27 millóns de euros dedicados á área de Deportes e ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos dous anos do goberno á fronte da institución provincial.
