As pinturas de Antonio Palacios conservadas no Museo de Pontevedra expoñeranse coincidindo co simposio sobre a obra e o legado do arquitecto porriñés

Poderanse visitar desde a semana próxima e ata final de ano. O simposio terá lugar do 4 ao 6 de abril no Museo de Pontevedra, e incluirá a visita ás súas obras máis emblemáticas en Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario

30/03/2024

Antonio Palacios

O Museo de Pontevedra organiza a próxima semana o simposio Antonio Palacios. Obra e Legado. Do 4 ao 6 de abril, máis de 20 arquitectos, investigadores e especialistas na figura de Palacios procedentes de universidades, museos e outras entidades de toda España achegarán diferentes perspectivas sobre a modernidade da obra do arquitecto porriñés e o seu impacto no patrimonio. En paralelo, o Museo dispoñerá un espazo nas salas da súa exposición permanente para mostrar pinturas e debuxos de Palacios que forman parte da súa colección.

Antonio Palacios estivo vencellado ao Museo desde a súa orixe, razón pola que se conservan nesta institución algún dos seus planos e significativos exemplos da súa produción como pintor. Canto aos últimos, trátase de dous pequenos retratos femininos, obras de xuventude que pertenceron ao seu gran amigo o caricaturista Sileno, e a primeira imaxe gráfica dunha das salas do Museo de Pontevedra no Edificio Castro Monteagudo, un óleo que Antonio Palacios pintou do natural o 28 de agosto de 1929, poucos días despois da súa inauguración.

Xunto a eles atópase tamén un lenzo que se lle atribúe con reservas. Trátase dunha vista da rúa de Alcalá na que destaca o Círculo de Belas Artes (1921-1926), unha das súas máis emblemáticas edificacións en Madrid. A mostra complétase con cinco postais de Antonio Palacios dirixidas ao seu amigo Sileno. Este conxunto permanecerá exposto desde a vindeira semana ata final de ano, para conmemorar así ao longo de todo o 2024 a celebración do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés.

Tres días de simposio

Esta primeira semana de abril terá lugar o simposio sobra a obra e legado do arquitecto porriñés. Está organizado polo Museo e o grupo de investigación IDEAHS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dixirido por Jesús Ángel Sánchez, catedrático de Historia da Arte da USC, e mais Álvaro Bonet, arquitecto da Universidade Politécnica de Madrid. O simposio achega diferentes visións actualizadas de expertos na obra de Antonio Palacios, incluíndo algúns dos estudosos que desde os anos oitenta do século XX chaman a atención sobre a modernidade e as leccións da boa arquitectura materializadas por el. A actividade está recoñecida cunha equivalencia de un crédito ECTS nos estudos de grao en Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do Territorio na USC.

O xoves 4 e o venres 5 de abril terán lugar as conferencias e mesas redondas no Edificio Castelao, en horario de mañá e tarde, para as que aínda hai prazas dispoñibles. O sábado 6 de abril resérvase para unha saída conxunta na que se visitarán algunhas das principais obras de Palacios no sur da provincia de Pontevedra, percorrendo os municipios de Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario. As prazas para a saída do sábado xa están esgotadas.

No simposio participarán destacados expertos na obra do arquitecto, como Francisco Javier Pérez Rojas, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Valencia; Luis Sazatornil, da Universidade de Cantabria; Álvaro Bonet; Alberto Tellería, de Madrid Ciudad y Patrimonio; o arquitecto Jacobo Armero; Óscar da Rocha, do Instituto de Humanidades Francesco Petrarca; Rosalina Aguado, do Taller de Cerámica Aguado; Yolanda Pérez e José Ramón Soraluce, da Universidade da Coruña; e Alfredo Vigo e Jesús Ángel Sánchez; da USC, abordarán diferentes aspectos do seu legado.

Tamén integran o programa do simposio as colaboracións de especialistas no contexto arquitectónico internacional e nacional, nas artes que completaron a calidade estética dos seus edificios, desde a escultura ata a cerámica, ou nas conexións vitais e profesionais que foi tecendo con diferentes lugares da súa andaina vital. Neste espectro moveranse as intervencións de Luis Sazatornil, da Universidade de Cantabria; o arquitecto Juan Manuel Arévalo; Antonio Perla, da UNED; e Cristina Gómez, do Museo Zuloaga.

As mesas redondas que pecharán cada xornada achegarán ademais outras miradas á obra de Antonio Palacios por parte de arquitectos, historiadores, responsables de museos e comisarios de exposicións. Desde o papel pioneiro que tivo na aplicación do granito das canteiras do Porriño ata o interese pola conservación do patrimonio histórico, pasando pola integración da arquitectura nas paisaxes urbanas e rurais, estas outras valoracións da súa obra serán obxecto de diálogo entre as e os convidados.

Na primeira mesa redonda participarán os arquitectos María Alba Rodríguez Álvarez e César Portela; María Morente, do Museo de Belas Artes de Málaga; e Isabel Ordieles, de Hispania Nostra. A segunda mesa redonda reunirá arredor do legado de Palacios en Galicia á comisaria de exposicións, Pilar Corredoira; a Felipe-Senén López, da Real Academia Galega de Belas Artes; a Santiago Rodríguez, da USC; e a Ruth Varela, do COAG.

 

Galerias de imaxes