A Deputación e o Museo de Pontevedra editarán o catálogo da obra completa de Antonio Palacios

A publicación de Álvaro Bonet, que sairá do prelo en datas próximas, anunciouse no arranque do simposio sobre o arquitecto porriñés, que reúne desde hoxe ata o sábado ás e aos maiores expertos na súa obra e legado

04/04/2024

Simposio Antonio Palacios

O Museo de Pontevedra organiza desde hoxe ata o sábado 6 de abril o simposio Antonio Palacios. Obra e Legado, coa participación de máis de 20 persoas arquitectas, investigadoras e especialistas na figura de Palacios procedentes de universidades, museos e outras entidades de toda España. O simposio foi inaugurado pola directora do museo, Ángeles Tilve, e os codirectores do evento, o arquitecto Álvaro Bonet, e o catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez.

Durante a inauguración, Ángeles Tilve anunciou que está xa case lista a edición do catálogo da obra completa de Antonio Palacios, que será publicado en datas próximas pola Deputación e polo Museo de Pontevedra. O libro é un traballo exhaustivo de Álvaro Bonet, no que reúne 239 fichas perfectamente documentadas de obras construídas ou proxectadas polo arquitecto porriñés, cun notable volume de ilustracións a todo color que inclúen fotografías actuais, fotografías históricas, planos e debuxos.

Nesta publicación, Bonet dá a coñecer un cento de obras inéditas e achega documentación descoñecida sobre máis de corenta obras xa recollidas en publicacións anteriores. Tilve salientou a importancia dunha publicación que "quedará de cara ao futuro como referencia para calquera persoa estudosa que queira achegarse ao legado arquitectónico de Antonio Palacios".

A directora do Museo destacou na inauguración que a obra de Palacios "goza na actualidade non só do favor da sociedade en xeral, senón tamén do recoñecemento de investigadores e arquitectos". Este simposio quere servir precisamente para poñer en común as visións das e dos expertos na obra de Antonio Palacios e da súa conexión con outras artes que completaron a calidade estética dos seus edificios, coma a escultura e a cerámica. "Investigadores, arquitectos, historiadores e responsables de museos falarannos da súa obra construída e da proxectada que non chegou a materializarse, do contexto no que foi deseñada, das súas influencias e a relación con outros creadores e, por suposto, da súa contribución á arte e á cultura posterior", expuxo Ángeles Tilve.

A conferencia inaugural do simposio correu a cargo de Francisco Javier Pérez Rojas, catedrático de Historia da Arte da Universidad de Valencia, que disertou sobre como a exposición do Museo Municipal de Madrid "Arquitectura madrileña de la primera mitad del siglo XX", en 1987, supuxo un punto de inflexión na valoración do traballo de Antonio Palacios. Poñíase así fin a décadas de desatención por parte das e dos historiadores, ao actualizar, ampliar e documentar a creación de Palacios e achegarlles novos materiais e propostas que facilitaron o desenvolvemento de novas liñas de investigación.

Luis Sazatornil Ruiz, catedrático de Historia da Arte na Universidade de Cantabria, centrou a segunda intervención da primeira xornada na oscilación dos arquitectos do cambio do século XIX ao XX entre unha modernidade inspirada no cosmopolitismo internacional e unha sostida inspiración nas raíces culturais rexionais. Estas tendencias compleméntanse na obra de Antonio Palacios, "unindo progreso e nostalxia: como ser modernos sen saír da nosa particularidade nacional ou rexional", sinalou Sazatornil.

A xornada matinal rematou coa visita ás salas do museo nas que se exhiben ata final de ano tres óleos pintados por Antonio Palacios. Son dous pequenos retratos femininos, obras de xuventude que pertenceron ao seu grande amigo o caricaturista Sileno, e a primeira imaxe gráfica dunha das salas do Museo de Pontevedra no Edificio Castro Monteagudo, un óleo que pintou do natural o 28 de agosto de 1929, poucos días despois da súa inauguración. Xunto a eles móstranse cinco postais de Antonio Palacios dirixidas ao seu amigo Sileno. Completa o conxunto un busto do arquitecto feito en xeso por Javier de Benito e Rocío Guerrero.

Seguen as conferencias e mesas redondas
Pola tarde, Alberto Tellería, da asociación Madrid Ciudadanía y Patrimonio, impartirá unha conferencia sobre a influencia en Palacios de tres profesores da Escola de Arquitectura de Madrid, Ricardo Velázquez Bosco, Arturo Mélida e Aníbal Álvarez. O arquitecto Álvaro Bonet achegará novidades das súas investigacións sobre a obra inédita de Antonio Palacios, que se reflicte na publicación que editarán o museo e a Deputación.

A primeira xornada do simposio pecharase cunha mesa redonda na que se achegarán contextos e miradas á obra de Palacios por parte da arquitecta municipal do Porriño, María Alba Rodríguez; María Morente, do Museo de Bellas Artes de Málaga; o arquitecto César Portela; e Isabel Ordieles, de Hispania Nostra.

O simposio continuará mañá venres con nove conferencias máis e unha mesa redonda, que abordarán diferentes aspectos da relación de Antonio Palacios con outras disciplinas artísticas, coma a escultura e a cerámica, e reflexións sobre as súas propostas arquitectónicas para edificios culturais, termais e relixiosos e para o urbanismo, ademais de achegarse ao legado de Palacios en Galicia.

O evento pecharase o sábado cunha visita ás principais obras de Palacios no sur da provincia de Pontevedra, percorrendo os municipios de Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario.

Galerias de imaxes